Antesala do pacto educativo

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

10 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo de espera polo pacto de Estado da educación estase a facer demasiado longo e prexudicial. Neste curso que vén de rematar, a Administración educativa caracterizouse pola improvisación, a incerteza e a inestabilidade. A realidade foi por diante da norma e a información chegou tarde e ás veces de xeito contraditorio.

E neste río revolto, as concesións que tivo que facer o Goberno foron moitas, chegando a derrubar os piares da vixente reforma educativa. As reválidas desapareceron; volve a selectividade; o título de graduado en secundaria pode obterse con menos do aprobado ou con dúas materias suspensas, o Estado e mesmo as comunidades autónomas abandonan as súas responsabilidades de supervisión do sistema educativo, etcétera.

Non hai conflitividade porque continúa instaurada unha cultura de facilismo e mesmo de impunidade, que beneficia aos que menos traballan e permite que se faga o que se quere. Os pais conseguen a promoción dos fillos, aínda que sexan malos estudantes e mesmo chegan a non presentalos a ningún tipo de proba, malia que esta teña como única finalidade a avaliación xeral do sistema. E os profesores queimados, nun proceso de simbiose, contribúen a todo elo baixando o listón todo o que faga falta.

O final desta situación podería chegar cunha reforma urxente desde hai décadas, pero os presaxios non son bos. En primeiro lugar, o debate segue centrado no ámbito político e isto é o que máis dano causou sempre á nosa educación. Os órganos nos que se están dando os primeiros pasos son a Conferencia sectorial, o Consello Escolar do Estado ou mesmo os autonómicos e as dúas Cámaras lexislativas do Estado.

Segue a botarse en falta un proxecto feito por auténticos profesionais do ensino, con formación e sobre todo con experiencia. Técnicos que non estean a pensar en como levar a contraria ao partido político que goberne, senón no que realmente necesita a nosa escola para formar alumnos con boa base e con capacidade para aprender a aprender, inseríndose con éxito nunha sociedade cada vez máis complexa.

En segundo lugar, volven esquecerse os auténticos males do sistema. Empezan a demandarse, por enésima vez, máis profesores, menos alumnos por aula ou maior asignación orzamentaria, cando o principal problema non é de cartos, senón de valores. O que falta é respecto entre as distintas partes, autoridade, capacidade de traballo intelectual ou tolerancia ás frustracións.

Mentres sigamos empeñados en pensar que estes valores son propios dunha determinada ideoloxía, non haberá cartos que cheguen e mentres sigamos bloqueando a avaliación do sistema, non saberemos nin onde estamos nin a onde imos. Seguiremos a confundir igualdade de oportunidades con igualdade de resultados e, xa que logo, aos que non queren estudar non se lles axudará, senón que se lles dará o aprobado.