As leccións de Pedrógão

Juan Añel e Xavier Labandeira TRIBUNA

OPINIÓN

RAFAEL MARCHANTE

20 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Comecemos co máis evidente e obxectivo. O sábado á primeira hora da tarde, Portugal e Galicia se encontraban sufrindo a maior anomalía de temperaturas máximas do continente europeo: en torno a 15 graos por riba da media dese día no período 1980-2010. Á vez, unha seca prolongada facía que os índices de humidade se encontrasen en mínimos históricos para esta época do ano. A combinación de ambos efectos tivo moito que ver coa virulencia do desastre de Pedrógão: este xornal recollía as declaracións do secretario de Estado de Interior portugués sobre a propagación do lume dunha forma «que non ten explicación». Todo o precedente soa á definición de manual de evento extremo asociado ao cambio climático, o que máis preocupa polos seus efectos letais aos investigadores que traballamos neste campo. E non queremos aquí atribuír ao cambio climático este fenómeno puntual vivido en Portugal hai días pero si á maior recorrencia probabilística deste tipo de situacións pola presenza de maiores concentracións atmosféricas de gases de efecto invernadoiro, o que a efectos prácticos ven ser practicamente o mesmo.

Porque a resposta obvia para limitar a ocorrencia futura destes efectos extremos é intensificar a redución das emisións dos gases causantes do cambio climático, algo que está claramente en perigo tras o abandono do Acordo de París polos EE. UU. A alarma da opinión pública ante feitos como os de Pedrógão, que poderíamos ter vivido calquera de nós nunha excursión de fin de semana, pode mitigar a irresponsabilidade de certas decisións políticas e contribuír a unha actitude máis proactiva por parte de empresas e cidadáns. Porén, non nos enganemos: o cambio climático xa está aquí e para quedarse e acentuarse nos próximos anos.

E iso lévanos ao segundo punto: é necesario tomarse moi en serio a adaptación ao cambio climático e en particular aos eventos extremos. «Non hai falta de competencia, nin de capacidade, nin de resposta», afirmaba o presidente de Portugal o domingo. Desgraciadamente todo semella indicar o contrario: as especies forestais preponderantes (eucalipto e piñeiro) convértense en bombas de reloxería nunha situación de cambio climático nestas latitudes, as estradas e as vivendas non contaban cos límites de seguridade que terían evitado a desgraza, os plans de emerxencia foron lentos e incompletos, cando non inexistentes... Todo fallou porque probablemente aínda non somos plenamente conscientes de que todo está a mudar con moita rapidez polo cambio climático.

Posiblemente non faga falta explicitar as leccións para o noso país, tamén moi vulnerable aos incendios forestais e ao cambio climático pola súa situación xeográfica e polas características socioeconómicas. Apuntemos, sen embargo, algunhas ideas forza neste terreo: debemos repensar seriamente, en termos de seguridade, as nosas políticas e especialización forestal; debemos esixir ás Administracións competentes e aos propietarios privados un escrupuloso respecto á limpeza e creación de marxes de seguridade de terreos forestais; debemos planificar adecuadamente infraestruturas e edificacións; e debemos contar con sistemas de alerta e emerxencias que respondan ás crises de forma inmediata. Non semellan tarefas imposibles porque contamos con estruturas administrativas e empresariais capaces de levalas a bo termo e os investigadores galegos poden contribuír a un maior coñecemento e cuantificación de riscos.

A Xunta de Galicia está comezando os seus traballos para concretar a estratexia de cambio climático e transición enerxética ao 2050: esperemos que Pedrógão serva de revulsivo para acertar no diagnóstico e solucións. E lembremos que este non é máis ca un dos moitos efectos extremos potencialmente asociados ao cambio climático.