Galicia en Europa


Presidente da Real Academia Galega

A Galicia exterior existe. Teimo na idea porque é unha realidade que está aí, no consciente e no subconsciente colectivo, na memoria dos avós e na lembranza dos netos, ás veces mesmo nas súas reivindicacións. Este ano tocoume viaxar outra vez a Xenebra, invitado polos amigos da Irmandade Galega na Suíza e pola asociación A Nosa Galiza, que cumpre 50 anos, dende aqueles primeiros pasos de Ánxel Valente, Xoán Anllo, Carlos Díaz, Xesús Vaamonde, Manolo Álvarez, etcétera. Nun dos salóns da sociedade hai un poema de Valente en galego con título en latín: Sub nocte, datado no ano 1982, dedicado polo autor aos seus veciños e paisanos. Na Galicia de Xenebra saíron libros coma o Cemiterio privado, de Celso Emilo Ferreiro (Roi Xordo, 1973); títulos de Manuel María (Aldraxe contra a xistra, 1973; Laio e clamor pola Bretaña, 1974); algún texto de Heriberto Bens... O que aquí non se podía publicar.

Coido que a primeira vez que visitei aquelas terras foi no ano 1989, coincidindo cunha Feira Internacional do Libro, e xa entón me emocionou a presenza consciente (militante) das familias galegas asociadas en Xenebra, en Lausanne, en Zúrich, en Basilea, en Zug..., tan distintas das de América (Buenos Aires, Montevideo, Salvador de Baía, Caracas, México, a memoria da Habana... ). Unha vez máis, este ano, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, as colectividades volveron mobilizarse: en Londres, en Bruxelas, en Róterdam, en París... A Galicia de Europa é o resultado da emigración masiva de traballadores nosos sobre todo nos primeiros anos sesenta. Se cadra arestora estamos asistindo a unha nova vaga de licenciados cualificados que non dan atopado traballo aquí e outra vez empezan a moverse cara ao mundo exterior. Diso haberá que falar noutra oportunidade. Australia está facendo ofertas, case que coma nos tempos do meu pai. Motivo abondo para unha reflexión.

Hai unha novela de Xohana Torres, Adiós, María (1971), un dos textos máis interesantes do que se deu en chamar Nova Narrativa, na que se recrea o mundo dos emigrantes a Europa naqueles anos, neste caso á cidade francesa de Lille, a través do relato dunha nena que ten os pais alá e vive en Vigo cos avós. A historia é especialmente representativa deste mundo: as colectividades galegas asalariadas nos grandes centros de produción da Europa do crecemento económico que rexurdiu despois da Segunda Guerra Mundial, ben distintas, repito, das colectividades de América. Desta vez, traio o testemuño de Noemí Mera, unha moza de menos de trinta anos que se licenciou en Filoloxía Francesa en Compostela. Os pais mandárona estudar á terra coa esperanza de regresaren todos xuntos despois. Non atopou traballo aquí e regresou para traballar aló, nesoutra Galicia que tamén somos nós. Alá seguen, construíndo (continuando) a vida. Por riba, é unha excelente gaiteira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos

Galicia en Europa