O Goberno de Adolfo Suárez presentou a candidatura de España á Comunidade Económica Europea en xullo de 1977, un mes despois das primeiras eleccións xerais, e en setembro o Consello de Ministros comunitario pronunciouse a favor; pero o camiño a percorrer resultou longo e difícil. Aínda que España foi cumprindo os requisitos esixidos e que o intento de golpe de Estado do 23F moveu ao Parlamento Europeo a solicitar a aceleración das negociacións de adhesión para estabilizar a nova democracia; aínda que a volta do socialista Miterrand á presidencia do Goberno francés en 1981 e a vitoria do PSOE nas eleccións do ano seguinte fixeron máis doadas as relacións entre ambos países, o pesimismo impúxose en moitos momentos.
Felipe González dirixiu unha carta aos primeiros ministros dos dez países membros da CEE requeríndolles no próximo Consello de Europa unha actitude clara que desbloquease o ingreso de España, pois o contrario «representaría una grave responsabilidad histórica de la Comunidad respecto del pueblo español». Por fin, Fernando Morán, ministro de Exteriores, puido pechar a negociación e asinar o Tratado en 1985. Leopoldo Calvo Sotelo recoñeceu a envexa que sentiu.