Zorra

Inma López Silva
Inma López silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

22 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Léase así, a modo de insulto e con moita soberbia: zorra. En galego diriamos lurpia, quizais, aínda que sempre pensei que zorra era máis forte, máis insultón, máis castizo, logo. Zorra!, dinnos, e quedamos, como diría ela, cunha cara de loiras que nin che conto. 

O palabro desprazouse con moi pouco cariño das bocazas de dous directivos xornalísticos de verbo florido aos oídos duns policías que xa nin sequera alucinaban, porque a policía e os fiscais anticorrupción deste país xa guindaron polo váter hai moito a capacidade para alucinar. E (relativamente) allea a todo, ela, a chamada zorra, a loira Cifuentes. Esa á que lle queda ben tanto o que ten de loira coma de parva, cargándose de dignidade. Hai que amolarse.

Zorra. Colocaranos diante do xuíz por ameazar, extorsionar e outras lindezas de malotes con gafas de pasta, tabique nasal e Ipad, non polos apelativos cos que se referiron a ela. Pero merecían que lles tocase xuíza, mellor loira, e que lles dixese, cun sorriso estarrecedor, «Chámenme zorra, non señoría», e Cifuentes erguendo unha cella na ringleira de atrás, observará distraída a súa última tatuaxe. Pero os executivos aínda pensarán outra vez, zorra. Porque son así de cultos e capaces. Zorra. Porque pensan que unha muller non ten dereito ao poder, a poder co poder, a poder máis desde que mandou a cociña e a lavadora a tomar por saco. Zorra. ¿Quen é unha femia para se interpor nas súas actividades delituosas? Zorra. ¿Por que ningún macho controla a esa lurpia? Zorra.

Coma se os manipuladores e os mentiráns, os malos de libro de estilo, lle chegasen a altura dos tacóns a unha loira calquera.