Suertuda

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

27 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na rúa Ugarteche, empezaba para nós, de pibes, Palermo Chico. Era o barrio bacán, nada que ver co propio, tamén Palermo. A fronteira marcabámola, daquela, máis alá do Botánico e do Zoolóxico. A finais dos oitenta fun de visita, por primeira vez, a Ugarteche 2837, 8.º A, convidado pola dona, María Esther Vázquez. Non sabería dicir agora en cantas ocasións estiven no paquete tríplex da escritora e do seu home, o poeta Horacio Armani. Moitas, porque a casa de María Esther é unha referencia íntima na cidade na que vin ao mundo. Un remanso de paz e de cariño, tan necesario na voráxine porteña, do que desfrutei; desde o living ás dúas terrazas, ateigadas de flores, mesmo no inverno austral, desde o escritorio de Horacio, onde lin a Montale, ata o cuarto dos amigos, onde botei lindas sestas reparadoras. Unha tarde, cando Horacio xa estaba moi desmellorado polo cancro, María Esther animaba nil falándonos dunha lentella que atopara na cociña. O doente, que aparentaba escasa atención, ergueuse de sócato do sofá, foi onda ela e bicouna longamente na boca. «Que sofoco, che -dixo María Esther-, si no fuera por las escaleras, acabaríamos esto en el dormitorio, pero no debemos ser descorteses con Luís». Con oitenta anos, a estúpida morte arrebatounos a unha das persoas con maior encanto intelixente, forza interior e vitalidade que teño atopado. Miúda e delicada, cando falaba das súas enfermidades, intervencións cirúrxicas e tratamentos, atribuíalle á estirpe galega a supervivencia: «Soy una gallega suertuda». Finísima narradora, estremeceunos cos poemas de Estrategias de la pena, cando faleceu Horacio. Galicia débelle que Borges mudara de opinión sobre nosoutros.