O valor das palabras

OPINIÓN

Leo, abraiado, que un empregado de Amazon, por mor dunha falta de ortografía, causou unha perda de 140 millóns de euros. Sei que os escritores gustamos de soñar coa posibilidade de cambiar o mundo cunha soa frase. Sometemos puntos e comas a unha comprobación exhaustiva, pelexamos coas palabras e entendemos ben a Wilde cando nos di que estivo corrixindo un poema toda unha mañá para tirar unha coma que volveu poñer pola tarde. O que non pensabamos era que unha palabra puidese valer tanto, nin que a mala ortografía puidese estar detrás de semellante apocalipse económica. Nesta altura, resulta doado imaxinar a satisfacción coa que o colectivo do profesorado debeu de acoller esta noticia. Agora dispón dun exemplo máis para secundar a súa vontade de lle aprender ao alumnado o correcto uso do idioma e a esperanza de que unha palabra pode pechar a fascinación dun segredo, ou mesmo unha traxedia. A errata deste traballador vén reforzar o valor das palabras e da ortografía, tan desprestixiada pola velocidade das redes, con plataformas que son hipersensibles á publicación dun corpo espido, mais non á agresión dalgunhas palabras sucias que perden letras, o til e mesmo a dignidade. Con todo, eu tamén teño un punto de comprensión coa desgraza deste coitado que só mudou unha letra. Ninguén está a salvo. Eu mesmo aínda sinto unha vergonza retroactiva cada vez que lembro o meu papel de moderador nunha mesa redonda en Mariñán con Bernardo Atxaga e Manolo Rivas, hai xa tres lustros. Naquela ocasión, talvez un chisco nervioso pola miña responsabilidade e inexperiencia, vin o intre oportuno para un descanso e anunciei que iamos facer un pequeno deceso. Por sorte, o asunto quedou só nun café.