Rosalía no aeroporto

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

Hai corenta anos, o biólogo Richard Dawkins concluíu que non só lle transmitimos unha equipaxe xenética á nosa descendencia; tamén enviamos paquetes de información aos individuos futuros. De aceptarmos esta coñecida teoría dos memes (enténdase «unidades de cultura»), naceriamos predispostos a Shakespeare e a John Coltrane, e dende a infancia iriamos asumindo Macbeth e A love supreme do mesmo xeito que interiorizamos as habilidades para descubrir o mundo.

Pero haberá quen non confíe en tanto entusiasmo. Os escépticos que revisen ese « ¡Ahora caigo!» onde uns concursantes non son quen de contestar «guerra civil» cando se lles indica que o conflito «deu paso a unha ditadura», terán razóns para torcer o nariz. Preguntado pola súa obra predilecta de Rosalía, o propio Feijoo contribuíu á cautela respondendo cun Poemas galegos que soou a réplica de adolescente pelexado co Rexurdimento. Ese día soubemos que non todos os habitantes deste país temos o meme Cantares gallegos aloxado nos miolos.

A crise arruinou aquela idea luminosa da educación como ascensor social e a cultura está a esmorecer en favor do pragmatismo campante. Neutralizado o prestixio da erudición, o libro perdeu o crédito adquirido durante séculos e as bibliotecas andan nos faiados. Esa ubicación contemporánea do coñecemento, en caixas que ninguén abre, explica incidentes coma o deses concursantes deslembrados. Ter unha mínima noción das guerras quita un tempo precioso para a paz das pantallas.

Á resposta de Feijoo naquel Vía V seguiulle un dos silencios máis elocuentes da historia da televisión moderna. Quizais un silencio semellante, entre a angustia e o desconcerto dos que compartían mesa co presidente, sexa o único que saibamos transmitirlle por vía xenética ás novas xeracións. Un silencio de cemiterio na néboa, como de inverno vitalicio. Neses ermos futuros ninguén escoitará A love supreme. Tampouco Lady Macbeth paseará o seu somnambulismo pola delgada liña que separa o fermoso do sinistro. E Rosalía só será un aeroporto.