Entre os unamunólogos do mundo enteiro non hai quen descoñeza os traballos do profesor Alexandre Rodríguez Guerra, nos que aborda a relación entre don Miguel e Galicia. Desde 1998 a hoxe, Rodríguez Guerra, profesor da Universidade de Vigo, ten publicado importantes achegas, unha de especial interese: a súa tese de doutoramento, titulada Miguel de Unamuno, Galicia e os galegos (1999), traballo no que exhumaba e estudaba a totalidade do inxente epistolario galego (cartas a) obrante na Universidade de Salamanca. Exhumou, nesa ocasión, unha carta inesquecible: a de Celestino Fernández de la Vega, de 1935 (con 20 anos), na que lle anunciaba que se suicidaría nas augas do río Miño, o río da súa cidade. E así o fixo un día de abril de 1986, o que suscitou, en Juan Rof Carballo, esta afirmación: «Xa ten o río o seu poeta morto».
Agora, o profesor Rodríguez Guerra acaba de publicar, en Luso-Española de Ediciones (Salamanca), A literatura e a intelectualidade galegas vistas por Miguel de Unamuno, volume de 270 páxinas onde se ten en conta todo canto dixo o ilustre pensador e escritor sobre os intelectuais galegos. Quen queira coñecer a súa opinión sobre Macías o Namorado, Pastor Díaz, Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Concepción Arenal, Roberto Blanco Torres, Perfecto Feijoo, Eloy Luís André, Menéndez Pidal, Víctor Said Armesto, Valle-Inclán, Camilo Bargiela ou Filomena Dato, atopará no libro de Rodríguez Guerra os textos pertinentes e, con eles, as esclarecedoras observacións do autor. Neste volume aínda os máis eruditos baterán con nomes raros: desde Pepe el gallego (o tradutor José González Alonso, moi amigo de don Miguel) a Alfredo Vicente Rey.
Capítulo especial é o dedicado a Rosalía de Castro, con textos, en boa parte, xa coñecidos, Eu, deste volume, salientaría o capítulo dedicado a Emilia Pardo Bazán, unha pequena monografía na que se nos ofrecen textos con datos e reflexións mesmo útiles para os máis esixentes investigadores. Por eles sabemos que o propio Unamuno é don Dámaso na novela Los tres arcos de Cirilo de dona Emilia, que di nun artigo. Noutro, gaba a pericia neolóxica da Pardo Bazán ao crear docilitar, de dócil, seguindo a pauta de fácil-facilitar. Cando lle dedica os seus Tres ensayos, en 1900, estampa na dedicatoria: «A doña Emilia… estos ensayos a cuya gestación han contribuido no poco nuestras conversaciones».