Todos somos todas

Víctor F. Freixanes
víctor F. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1791, a escritora Marie Gouze, que asinaba co pseudónimo Olympe de Gouges, publicaba en Francia a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá (Declaration des Droits de la Femme e de la Citoyenne) en parte como resposta á Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán que dous anos antes, o 26 de agosto de 1789, proclamara a Asemblea Nacional Constituínte Francesa. Liberdade, igualdade, fraternidade… 

O primeiro punto do texto de Olympe de Gouges di: «A muller nace libre e ha permanecer igual ao home en dereitos. As distincións sociais só poden estar fundadas na utilidade común». E mais engade: «Os principios da soberanía residen esencialmente na Nación. Ningún corpo, ningún individuo pode exercer autoridade que non emane deles» (das mulleres e dos homes).

Van máis de dous séculos dende a redacción deste texto e a loita feminina pola igualdade é un proceso imparable, pero que en moitos aspectos non fixo máis ca comezar e, como lembrabamos na marea da pasada semana evocando a figura de Rosalía de Castro, ten a súa importante nómina de vítimas, que están a pagar un prezo moi alto polo recoñecemento na práctica dun dereito fundamental na construción de calquera sociedade democrática. Onte foi en Lugo. Antonte en Vigo. Antes en Madrid, Valencia, Málaga… Van 20 asasinatos de mulleres no que levamos de ano, segundo fontes complementarias ao Ministerio do Interior, que non recoñece todas como violencia de xénero. Mais erraríamos sen pensásemos que a cuestión é exclusiva de España. Segundo a Axenda Europea de Dereitos Humanos, máis de 25 millóns de mulleres europeas sufriron violencia de xénero no ano 2014 (non teño cifras máis recentes). Os países escandinavos, ¡atención!, amosan as porcentaxes máis altas. Non falamos do Terceiro Mundo. Falamos da Europa avanzada e desenvolvida, filla en gran medida da Declaración da Asemblea de 1789 e mesmo do texto de Olympe de Gouges. Arrepía escoitar a intervención dese deputado polaco en Bruxelas arremetendo contra os dereitos de igualdade laboral e social de homes e mulleres en pleno século XXI.

Hoxe sae o feminismo galego á rúa para afirmar os dereitos das mulleres, entre outros: o elemental dereito á propia vida. O próximo día 8 é o Día Internacional da Muller. O texto da escritora francesa é de 1791. Ata o ano 1948 as Nacións Unidas non corrixiron a diferenza de xénero: Declaración Universal dos Dereitos Humanos (homes e mulleres xuntos, persoas todas). Curiosamente (significativamente) Olympe de Gouges (1748-1793) acabou na guillotina, vítima do terror da Revolución que ela mesma defendera. Antes de morrer escribiu: «Ninguén debe ser molestado polas súas opinións. Se a muller ten dereito a subir ao cadalso, tamén debe ter dereito a subir á tribuna».