Valle-Inclán está gafado

Inma López Silva
Inma López silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que a vostede non lle importe demasiado o Centro Dramático Galego. Quizais non vaia ao teatro. Ou quizais lle dea igual o que aconteza co teatro público de Galicia. Pero vostede paga os mesmos impostos ca aqueles que o valoran e o usan. Tamén pode que vostede non soubese que o CDG ía pór en escena a obra magnífica de Valle-Inclán na nosa lingua, pero volveuse todo un esperpento e adiouse.

Resumindo moito: o CDG vive nun despropósito propio de vodevil no que a asesoría xurídica da Xunta esixe que a contratación de actores e actrices (por que só eles?) debe equipararse ao proceso de contratación dun administrativo. No resto dos teatros públicos do mundo (entendendo España como mundo), fan unha típica audición das de toda a vida, desas que poñen aos artistas nerviosos, coma en Billy Elliot, desas nas que o director artístico dun espectáculo escolle en función de se o actor serve, e non en función de se fixo o curso de inglés B2 ou se acada 25 puntos en méritos do tipo «A aplicación das TICs ao ensino». Pero xa saben que Galicia é diferente, e ningún responsábel nin na dirección do CDG nin na da Agadic colleu o touro polos cornos para avisar de que dá a sensación de que alguén quere destruír o noso teatro nacional nos narices de quen o pagamos.

Por suposto, coñezo a solución, que non é secreta: o CDG ten que ser unha entidade autónoma con capacidade de xestión do seu propio orzamento. Está todo inventado. Negarse a facelo así é sospeitoso de moitas cousas, menos de querer que o noso teatro público sirva para o que foi creado.