Opcións fronte á praga

Tomás S. Cuesta / Xan X. Neira DEBATE | PLAGA DE LA PATATA

OPINIÓN

12 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha economía globalizada, cunha importante mobilidade de mercadorías, e no contexto de cambio climático non nos pode sorprender a aparición na comarca de Ferrol, no 2015, dos primeiros focos do lepidóptero Tecia solanivora (polilla guatemalteca), que se está a converter en praga do cultivo da pataca nos municipios do norte de Galicia e Asturias. 

Caracterízase por realizar unha metamorfose completa no seu desenrolo. Cada un deses estados de desenrolo está influído por condicións ambientais, nomeadamente humidade e temperatura. A maior temperatura, menor é a duración do ciclo e, deste xeito, co incremento do número de ciclos, pasa a constituírense coma praga. Asemade posúe un alto grao de adaptabilidade a novas condicións ambientais, motivo polo que ten unha ampla diseminación.

Das medidas de control postas en práctica noutras zonas, como Canarias -onde aparece no 1999-, pódense tirar unha serie de consecuencias:

Non existe un método de control que sexa totalmente eficaz.

O uso indiscriminado de praguicidas non está xustificado e observouse que no dano da praga non existen diferenzas significativas entre parcelas tratadas con fitosanitarios e parcelas control.

Unha das medidas de control en campo é a diminución de machos da polilla, polo que as trampas de feromonas de atracción sexual poden ser unha medida eficaz.

Para o control efectivo da praga cómpre aplicar un conxunto de medidas complementarias no contexto dun plan de actuación. Ademais, para evitar focos de reinfección as medidas deben ser adoptadas por agricultores, medidas culturais, e por almacenistas, medidas poscolleita. Neste sentido, é importante non deixar patacas afectadas sobre o terreo de cultivo.

No tocante ao almacenamento e a distribución, para evitar a propagación, adoita utilizárense atmosfera controlada co 30 % de CO2 que acada umbrais de saneamento de máis do 95 %. No estado de pupa son máis resistentes.

Desde a Escola Politécnica Superior estase a propoñer aos produtores diferentes opcións que contemplan rotacións de cultivo sen pataca, naquelas zonas afectadas pola cuarentena. Asemade é recomendable a introdución de prácticas ecolóxicas, xeradoras de biodiversidade. Neste eido, noutras zonas de España afectadas están sendo efectivos algúns tratamentos coma o té de compost e os extractos repelentes de allo e ourego.

Semella que, ademais das medidas postas en marcha pola Administración como a colocación de trampas, a aplicación de fitosanitarios ou a destrución dos lotes contaminados, é necesario incidir na información aos axentes sociais implicados como agricultores, produtores, consumidores e concellos afectados e considerar a posibilidade de ter que convivir con esta praga moito mais tempo do que todos desexamos.