Caera a néboa no campo do Arenteiro, no Carballiño. En días así, a brétema dificultaba a visión e algúns miopes ou présbitas precisaban axuda para chegar á súa casa. Un manto branco invernal, como nun conto de Fole, abrazaba choupos e freixos e curvadas sobreiras. Era unha tarde de sábado da década dos setenta, cando Boney M enchía as pistas de baile e alegraba adolescentemente a vida. O equipo xuvenil do Verín Club de Fútbol achegárase ás terras do Carballiño para disputar un partido transcendental contra o Arenteiro. O Verín fundárase no 1971. O Arenteiro vinte anos antes. A rivalidade entre ambas comarcas era intensa e dirimíase nos campos de fútbol como cuestión de honor: todo ou nada. No equipo titular figuraban Jorge, dianteiro centro de excepcional olfato goleador, e Juanito, subindo a banda como Gento no Real Madrid. Daquela dicían que o seu futuro estaba no fútbol. Ata se comentaba que directivos madridistas seguían con atención os seus pasos. Na portería, Emilio. Comezou o partido e o dominio do Verín era abrumador. Emilio gritaba: ¡Vamos, vamos, a por eles! Pero a medida que avanzaba a tarde a visión facíase máis complicada por mor da néboa. Chegou un momento que Emilio non vía máis alá da súa propia área. O árbitro tivo que suspender o partido e as dúas escuadras metéronse nos vestiarios. O adestrador do Verín, o Zurria, asegurou que estaban xogando moi ben e que o dominio fóra aplastante. Ducháronse. Pero faltaba un. Emilio, o porteiro, non aparecera aínda para cambiarse. Jorge dixo: «Non o avisou ninguén». Efectivamente, o Zurria saíu ao campo e viu como Emilio estaba aínda na portería gritando con ímpeto: ¡Vamos, vamos, a por eles! Caera a néboa no campo do Arenteiro.