O presidente don Sebastián

OPINIÓN

06 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1960 rematan os anos escuros da Real Academia Galega co nomeamento como presidente do prestixioso avogado e xurista don Sebastián Martínez-Risco e Macías. Dende 1936 ata esa data logrouse que non fose clausurada, pero tamén é certo que se mantivo nunha situación tan facareña que xa non representaba a cultura galega.

Pensouse en Martínez-Risco para o radical anovamento da RAG valorando o seu prestixio entre os académicos coruñeses, moi numerosos, iniciándoa coa incorporación de García-Sabell, Carballo Calero e Del Riego. A seguido, en 1960, foi designado presidente o propio Martínez- Risco, producíndose dende entón a entrada masiva na institución dos mellores homes que traballaban polo país: Cunqueiro, Fole, Dieste, Piñeiro, Blanco Amor, Isidoro Millán, Martínez López, Dónega, Paz Andrade, Xaime Isla, Eduardo Moreiras, Fernández Albalat... ata case trinta.

Don Sebastián conseguiu a propiedade do local hoxe sé da RAG e mais o Museo de dona Emilia Pardo Bazán. E baixo a súa presidencia empezaron a ser designados académicos que por entón eran novos (Beiras, Casares e outros). En tan pouco tempo os anos escuros da RAG xa pertencían ao pasado.

Apoiou a proposta de Del Riego para instituír o Día das Letras Galegas, acollida con frialdade por algúns académicos. O tempo demostrou que os dous tiñan razón. Iniciativa que remexeu e aviveceu a conciencia galega de moita xente, e unha das decisións máis populares da RAG.

Non sempre a RAG serviu aos intereses do país. O herdo de don Sebastián debe manterse e arrequecerse. A RAG non é eido para a frivolidade e o compadreo. Servir á cultura galega, e en primeiro termo á súa lingua, é a súa finalidade. Que o rexo exemplo de don Sebastián presida sempre o decorrer da RAG no tempo.