Recuperando cidades: o campus de Santiago

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A cidade automática foi como chamou J. Camba a Nova York, cando a utopía futurista dos anos trinta maduraba alí no automatismo dos self services e os veloces transportes urbanos. O de Vilanova de Arousa describiu como moitos outros -pero con máis humor- a cidade do futuro no tempo da inauguración do Empire State. O mundo cambiou tanto que hoxe NYC premia e imita a cidades europeas como Pontevedra, aínda que, como di o alcalde desta última, segue habendo xente que non viaxa ou -digo eu- que só se actualiza no pasado. Paisanos de Camba que prefiren a vella utopía fracasada da cidade automática ou caen en paletadas populistas por complexo de inferioridade. Boston, Londres, Shanghái e tantas outras grandes cidades queren facerse vivibles e paseables, sen autos. Queren reutilizar as posibilidades tecnolóxicas da vella automatización e as da nova computerización para dar as cidades ás persoas. Outras cidades que, como Los Angeles, son en realidade a unión de varias urbes, deberán separarse para ter algún futuro.

Compostela foi a primeira das nosas en gañarse para os peóns. Foi o indiscutible modelo. Algunhas vilas históricas como Allariz, Ribadeo e outras aproveitaron aquel tirón. Pontevedra seguiunas con brillantez e hoxe vai en cabeza. Vitoria, Burgos e tantas percorreron o camiño dunha Compostela convertida en icona no mundo enteiro. Santiago fora a primeira, si, pero trinta anos despois ten perdido o impulso, atascouse cun ronsel de aparcadoiros que son imán de autos. A boa nova é que por fin a cidade está pensando como inaugurar unha nova xeira. En trinta anos pérdense os folgos pero á Compostela dos camiños sóbranlle opcións para recuperalos. Alén da cidade do Apóstolo -e capital de Galicia-, Compostela é a cidade da universidade.

Unha cidade en sentido estrito, onde se ubican a maioría das facultades, centros de investigación, residencias e instalacións deportivas da Universidade compostelá, pero que aínda non foi atendida por plano ningún. Ese espazo que os galegos chaman «o campus», os picheleiros «a residencia» e en España chamarían cidade universitaria, por ser concibida e empezada a construírse á vez que a de Madrid, entre 1926 e 1936. Pero a diferenza do que o Estado construiría na Moncloa, o campus dos Feáns e agro de Mendo é un espazo orixinal, polo estilo americano e por ser un proxecto da sociedade civil, concibido entre América e Galicia por particulares, universidade, deputacións, concellos galegos e comunidades de emigrantes.

Esa cidade, a universitaria, é a materia do futuro que Compostela ten pendente de preparar e aprobar. Un proxecto integral para o campus é o camiño que debe emprender a cidade para retomar a súa proxección innovadora, baseado na recuperación do modelo orixinal de campus para peóns, universitarios e deportistas. Nada que ver con ese inmenso aparcadoiro en superficie en que foi convertido e esas funcións de circunvalación oeste que acabou asumindo. Dise que o plano orixinal dos anos trinta foi estragado pola febre construtiva dos sesenta, pero o certo é que o conxunto, visto hoxe, logrou manter o carácter. O que sobran son os coches, como sobraban no Obradoiro e nas rúas. O mesmiño.