Dous por cen

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Os máis listos son os da fronteira. En Verín, Feces de Abaixo. Alí o negocio é seguro. Iso afirma Tavito, que é o único empresario da cuadrilla titulado. Foi dos que hai máis de corenta anos se lanzaron á aventura de estudar Ciencias Empresariais en varias cidades do mundo. Acabou en Vigo e Lugo, que daquela tiñan relevancia no academicismo empresarial. Ía de cando en vez a Santiago só por colarse na discoteca Don Juan. Para entrar, preguntaba por un amigo ao que tiña que dar un recado urxentísimo. ¿Cómo se chama?, preguntaba o porteiro. Gustavo Adolfo Bécquer, proclamaba Tavito. E entraba. En Verín continuou co negocio familiar, dedicado a electrodomésticos, ferretería e reparto de bombonas de butano. Díxome que a pesar do prestixio da súa titulación, licenciado en Empresariais nos anos setenta, de pouco lle serviu para os negocios e que todo o aprendeu en Feces. Alí prosperaba calquera empresa. Por iso Tavito ía á fronteira con frecuencia: para aprender. Falaba cun dos vellos comerciantes de Feces. El replicaba: Non sei de que vos serven tantos estudos e tanta carreira. Tavito escoitaba como se fose un gurú das finanzas o que pronunciaba aquela sentencia. Ata que o gurú dixo: «Mira, neno, hai que aplicar o dous por cen para que isto saia adiante. ¿Sabes canto me custou esta caixa de plátanos?». Tavito respondeu: «Non, o meu son as bombonas». «Cen pesetas», dixo o gurú. Logo sacou un anaco de cartolina e un rotulador do caixón do mostrador. Escribiu con letra grande: «Oferta 200 pesetas». E dirixíndose a Tavito explicou a súa teoría económica: «Se custa cen, vendémolo a duascentas. Dous por cen. O negocio é seguro». Tavito aprendeu máis aquela tarde que en cinco anos de carreira.