O golpe empezou a fracasar por motivos estéticos. A cámara que gravou a esperpéntica entrada de Tejero no Congreso, a fallida cambadela ao ministro Gutiérrez Mellado, os disparos contra o teito e as ordes que atentaban contra os deputados e o idioma mostraron uns salvapatrias propios dun teatro de monicreques. E sen embargo, puido saír ben, malia os intentos da Casa Real, de altos mandos do Exército e do Goberno provisional, por abortalo.
A sede de Radio Televisión Española na Casa de Campo xa fora ocupada polo Rexemento Villaviciosa 14 e a División Acorazada Brunete, peza clave da operación, non tomou Madrid porque, cando os carros estaban dispostos para saír, sóuboo o xeneral Sáenz de Tejada e advertiu ao capitán xeral Quintana Lacaci. Entre os dous, contra reloxo, chamaron aos mandos das unidades e impedírono. O curioso é que Sáenz de Tejada soubo da inminente saída da División Acorazada porque o coronel San Martín creu que tamén el estaba no golpe, e informouno.
O 23-F fracasou definitivamente cando Tejero se negou a aceptar o Goberno previsto por Armada e impediulle o paso á Cámara. Nin sequera atendeu as ordes de Miláns para que o fixese. El empezárao e el rematouno.