Paco de Tintores

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

12 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo en que fun outro. Aínda que sempre somos o mesmo. Máis crecidos, con gozos ou sombras, e coa nostalxia untada no retrovisor: porque no pasado está o noso espello. Unha experiencia resultou feliz: a miña afección ao baloncesto. O meu nome de guerra era Canito. Militei en terceira división, cando só había tres. Primeiro no Bosco Aspol, despois Bosco Fajauto (máis tarde o actual COB, que chegou a xogar durante anos na división de honor). Un equipazo de espléndidos xogadores. Menos eu, que era o calentador oficial do banquiño ourensán. Armando, o noso adestrador magnífico, non vía en min maior virtude que o alento circunstancial do equipo e quizá a miña inclinación á farándula e outras verbenas. Recordo as orixes e os adestramentos no pavillón de Salesianos. Os martes, cando os internos saían de cear, sentaban nas bancadas para ver baloncesto. Alí estaba Paco de Tintores, aínda que eu pouco o coñecía. Agora forma parte da cuadrilla de amigos: probablemente o único sensato. Algunha fin de semana Paco quedaba en Ourense e ía ver os nosos partidos. Daquela xa me tiña cariño. Por iso, cando me observaba entristecido no meu lugar habitual -o banco de suplentes- levantaba o dedo polgar para agrandarme o ánimo. Algunha vez o conseguía. Non sempre. E menos a tarde en que fallei completamente só tres entradas a canasta. Era un día especial. Armando, contra pronóstico, puxérame de titular e troncei a súa confianza. Ata malogrei catro tiros libres. Un desastre. Cando perdíamos de trinta puntos, dende as bancadas, escoitouse unha voz: Ca-ni-to, Ca-ni-to. E a esa voz uniuse a de todo o público. Ca?ni?to, Ca?ni?to. Era Paco de Tintores. Nunca poderei esquecelo.