Cando Tejero dixo a Miláns del Bosch que tiña preparado todo, non tiña preparado nada. Só seis autobuses vellos, adquiridos a nome da muller, cos dous millóns de pesetas que García Carrés lle conseguira da trama civil, a través do xeneral Iniesta. Non dispoñía de tropas ao seu mando, polo que pasou a mañá do día 23 no Parque Automobilístico da Garda Civil, tentando convencer aos capitáns de que participasen e aportasen as súas, e ao coronel, de que lle prestase os condutores. Dixo -e confirmouno o capitán Gómez Iglesias, do CESID-, que a misión estaba respaldada polo rei e, coa axuda dos capitáns Muñecas e Abad, ás catro da tarde conseguira trescentos homes.
O éxito do golpe dependería da participación, en Madrid, da División Acorazada. O ministro Rodríguez Sahagún destinara á Coruña ao xeneral Torres Rojas, proclive ao golpe, e nomeara ao xeneral Juste; pero quedaban o coronel San Martín e o comandante Pardo Zancada. Os dous apoiaron a Tejero e foron xulgados e condenados. San Martín, considerado o cerebro do outro golpe, «o dos coroneis», declarou: «Yo participé en una operación que no me gustaba, que estaba mal planteada, peor ejecutada, y sin embargo me sacrifiqué porque algo había que hacer».