Cando os Reis colleron a gripe


Houbo como mínimo unha vez na que os Reis tiveron que ir a urxencias. Lembreino onte, lendo aquí que Galicia xa quedou inmersa na epidemia de gripe, e volvín imaxinar o mesmo que aquel ano de cando tiña oito: os camelos no aparcadoiro do hospital e os tres alí sentados nas cadeiras de plástico da sala de agarda, coas súas coroas, cargados de ouro. Poderían ser un grupo de rapeiros acatarrados se non fose polas capelinas de armiño, as barbas e as luvas brancas. Melchor era o que tiña máis febre, pero Baltasar xa empezaba coa tose e Gaspar coa dor de cabeza. Aquel ano, na casa, tamén colleramos todos a gripe. Levabamos tres días na cama, e por culpa daquela gripe, lin Danny o campión do mundo e quedei sen xoguetes.

A miña nai avisoume o día 5 de xaneiro ao mandarme pechar o libro e apagar a luz. «Mandáronnos recado de que os Reis tamén teñen gripe, así que non te asustes se mañá non hai agasallos». Entrei en pánico. «E os paxes?», dixen, notando subir a febre. «Nós somos familias tipo A, e só poden entrar nas nosas casas os Reis en persoa», contestou ela. Así que dei a volta na cama pensando que non hai desgraza máis grande ca ser unha familia tipo A con gripe, e quedei durmida rogando que en urxencias non houbese a habitual espera de sete horas, imaxinando aos pobriños dos Reis, febrís coma min, agardando a que os curasen.

Aquela mañá de Reis, efectivamente, só había unha carta no buzón, deixada por un paxe, pedindo desculpas e avisando de que os Reis estaban de baixa por enfermidade, como correspondía aos seus dereitos laborais. E así, sindicalmente, aprendín que pasado o día, pasada a romaría, porque aínda me deben os agasallos de cando tiña oito anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos

Cando os Reis colleron a gripe