Menos é máis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai algún tempo que a frase se puxo de moda, podendo escoitala en infinidade de recunchos e conversas, aplicada a temas e momentos do máis variado.

Se mal non teño entendido, o de «menos é máis» comezou pola rama da arquitectura. Concretamente, cando comezamos a falar de arquitectura moderna. «Menos é máis» vén sendo o principio básico do minimalismo, onde se chamaba polas liñas sinxelas, apostando pola esencia. Hai que eliminar todo canto sobra, reducilo ao mínimo, porque o que non é o cerne mesmo, confunde, engana, enturba.

A idea, o concepto, non está nada mal. Pero, como todo na vida, cada cousa é para o que é. Menos, ultimamente, é sinxelamente menos.

Menos soldo, menos comida. Menos estabilidade, menos alegría. Menos cartos, menos viaxes. Menos roupa. Menos libros. Menos xoguetes. Menos humor. Menos paciencia... Menos ganas, menos sorrisos, menos tranquilidade, menos sono...

Menos metros cadrados (non podemos mercar casas grandes), menos comodidade. Os que poden celebrar o Nadal non teñen sitio onde xuntarse! Menos do bo é máis do malo.

Menos amigos, máis soidade. Menos calefacción (para aforrar), máis catarreiras. Menos oportunidades, máis desesperación. Menos confianza, máis desasosego. Máis depresión, máis medo, máis dores de cabeza...

Menos é máis ás veces. Ou menos é máis para algúns. Para os que teñen demasiado. Para os que acumulan excesos, para os que lles sobra. Pero cando restamos de maneira xeral, coma un andazo... menos é sinxelamente menos. Ata o punto de que doe.