Esas mulleres que...

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu son desas mulleres que volven soas de madrugada. Son das que pintan os labios vermellos, gastan lencería baixo a roupa, e das que non agardan a que os homes llela gaben. Tamén son unha desas lurpias con carácter, reviradas, lingoretas, malfaladas, provocadoras. Son das que beben e das que abren as pernas ao sentaren. Eu son unha desas que teñen sexo sen amor, e tamén das que nunca se enganchan nin perden o control. Si, son desas. Son das que non cren niso de seren as mulleres da vida de ninguén por seren mulleres das súas propias vidas. Son desas que cren que amar é alegría, e que polo amor nin se traballa nin se loita. Por iso son das que non aturan golpes, nin ameazas, nin palabras coma balas. Claro que tamén son desas que denuncian e se encaran cos machistas. Unha desas tías que van de listas. Son coma esas firmes candidatas a quedar para vestir santos, porque tamén son das que non queren ser nais abnegadas, nin limpan, nin fan camas, nin pasan o ferro, nin agardan a que os homes se declaren. Ou si. Porque son desas que xogan. Tamén das que rompen antes de que as rompan. Son ademais desas que ven os telexornais, e quizais por iso agora son das que lle teñen máis medo a un amante ca a un atraco. E o peor, son unha desas mulleres que len.

En fin, que son desas, pero tampouco merezo morrer por iso. Porque se fose home, admiraríanme en lugar de matarme por ser así. Claro que tamén son das que pensan que aínda non as mataron por non bater aínda co home axeitado. O día que un macho me pille, meterame dez puñaladas no portal, haberá uns cantos minutos de silencio, indignación nas redes, algúns artigos de opinión, e xa. A agardar pola seguinte, outra muller desas.