140 caracteres

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

18 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida nun tuit: 140 caracteres. E a filosofía de Schopenhauer, o pensamento de Kant, os principios da Revolución Francesa, unha declaración de amor ou unha ruptura. Hai quen despacha neses 140 caracteres unha relación de anos. Se cadra porque non hai máis que dicir. O novo César Augusto, o señor Trump, presidente electo dos Estados Unidos de América, comunica ao mundo as grandes liñas estratéxicas da súa futura política a base de tuits, que corren polas redaccións e as cancelerías case que coa velocidade da luz. E a nosa nova esquerda, entre Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, exactamente igual: pensamento xivarizado. Fogaradas emocionais. Impactos.

A mundo nun tuit. Os editores galegos reuníronse estes días en Compostela para falar da lectura: «Ler para comprender o mundo». E ando eu petiscando na obra de Michèle Petit, antropóloga e socióloga francesa, que leva media vida traballando nos procesos de formación da personalidade, individual e colectiva, a través da recepción e o gozo dos textos: a lectura como construción da identidade e, asemade, como alicerce das sociedades democráticas, que se fundamentan na información e na opinión, no criterio e na reflexión, na racionalidade e na comprensión do outro. Racionalidade, digo, para domear o instinto, a víscera do non racional, que tantas veces nos impide pensar e nos arrastra á furia da sen razón, o medo (por descoñecemento), a vinganza (non a xustiza).

Son ideas que teñen que ver co libro e coa lectura, e mais coa comprensión do mundo que propoñemos os editores no simposio que se vén de celebrar en Compostela. Onte conmemorouse nalgúns países o Día Internacional da Edición, que é o mesmo que dicir o Día Internacional dos Libros Todos, o Día Internacional da Lectura. Tamén da lectura en pantallas, que é un soporte valioso, non só lectura en papel. Pero nos países desenvolvidos estase a observar un fenómeno, detectado tamén por Michèle Petit, que consiste na perda acelerada de atención, por parte das novas xeracións, diante dun texto corrido de máis de dous mil caracteres. Máis alá dun folio seica empezan os problemas. Non digamos un libro. O que caracteriza ao ser humano contemporáneo, este que está formándose na nova realidade do século XXI, é a dispersión, de tal maneira que un dos valores que máis se cotizan na mercadotecnia global é a atención, quero dicir: o investimento económico, enerxético e de intelixencia para que o receptor (a audiencia, o consumidor) non se nos escape.

O mundo pasa por diante de nós á velocidade dun tuit: estímulos sensoriais que nos mobilizan nun instante e, cos mesma eficacia, coa mesma intensidade emocional (instintiva), nos desmobilizan no instante seguinte. Todo o contrario da racionalidade que esixe a pausa, a lectura do texto capaz de entrar na complexidade do pensamento, nos principios ou consecuencias da Revolución Francesa, por exemplo, tamén na capacidade para comprender unha ruptura sentimental. O que máis me preocupa do novo César é a súa aparente capacidade para reducilo todo a 140 caracteres.