Buero Vallejo e «Nós»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Que se saiba, a prensa galega non lle dedicou a atención debida á obra de Antonio Buero Vallejo (Guadalajara, 1916-Madrid, 2000) neste ano do centenario. Debo engadir que ningunha das obras importantes, desde Historia de una escalera a El sueño de la razón, foi representada nos nosos escenarios. Moi pequena foi a fortuna escénica noutras partes de España malia ser Buero Vallejo a gran voz teatral española da segunda metade do século XX. Voz teatral e poderosa voz cívica.

Eu teño a obriga de recordar, nesta efeméride, unha incursión de Buero Vallejo no universo literario galego. Foi en xuño de 1974, un ano antes da morte de Franco, o ano en que a editorial Júcar (Madrid) publicou a segunda edición do álbum Nós, aquel «medio cento de dibuxos» cos que Castelao intentou «desacougar a tódolos licenciados da Universidade (amas de cría do caciquismo), a tódolos homes que viven do favor oficial…». Son palabras do limiar do propio Castelao, unha páxina sobre o compromiso do artista que non rexeitaría, quince anos despois, o mesmo Jean-Paul Sartre. Foi escrita en 1931, data da primeira edición do celebérrimo e desacougante álbum.

A segunda edición de Nós, cun extenso estudo introdutorio meu, foi unha publicación tetralingüe: os pés dos debuxos ofrecéronse en galego (o idioma orixinal), en castelán, en catalán e en euskera. Era un xeito de facer ver ás xentes hispanas que España era cuadrilingüe. A tradución catalá foi obra de Ricard Salvat; a vasca, de Gabriel Aresti, e a castelá, de Antonio Buero Vallejo. Salvat era moi amigo meu; con Aresti tiña unha intensa relación literaria, e con Buero, a quen admiraba como cidadán e como dramaturgo, non tiña ningunha relación, pero abondou unha carta miña para incorporarse á nosa tarefa. Non só traduciu os pés de Castelao senón tamén o seu prólogo e mailo colofón, o entrañable colofón: «Este libro fíxose en Madrid, na ‘Casa de Hauser y Menet’, a costa de media ducia de amigos, de Pontevedra. Acabouse de estampar no día vinte de marzo do ano mil novecentos trinta e un, víspora de San Benitiño de Lérez. Que ben che preste».

Cando lle escribín a Antonio Buero Vallejo non ignoraba que valoraba moito os debuxos de Castelao, valoración moi significativa se temos en conta que Buero foi un excelente debuxante, como demostra o retrato que lle fixo a Miguel Hernández na prisión en 1939. Por outra parte, eu estaba convencido, cando lle escribín, de que concordaría coa filosofía artística de Nós, que «desperta carraxes e cobizas dunha vida máis limpa».