Preguntas a PISA

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Será pola miña absoluta galeguidade, pero desconfío do informe PISA. Entre o rebumbio de reflexións que se amorean cada vez que se publica un deses informes, a min pónseme cara de póker e o que a min se me amorea son as preguntas. ¿Quen elabora o informe? ¿Como seleccionan os centros participantes? ¿Cal é o motivo polo que non fan distincións entre ensino público e privado? ¿Por que non consideran relevante na selección dos centros as diferenzas de nivel sociocultural? ¿Por que as autoridades educativas de cada rexión só teñen unha participación loxística? ¿Por que PISA se empecina en examinar por idades e non por niveis? ¿Por que decidimos darlle tanta importancia a un informe cuantitativo se supostamente somos conscientes de que é o nivel cualitativo o que mellor define cuestións complexas coma o ensino? ¿Canto se paga polo informe e quen o paga?

Entón comezo unha intensa travesía por Internet na que só logro perfeccionar a formulación da miña particular morea de preguntas, quizais capciosas, si, pero que poden gustarlles a quen, coma min, pensen que PISA é unha escusa para botar piropos ou maldicións segundo conveña.

E no medio, estudantes e mestres, perplexos, porque non sabían que fosen nin tan parvos nin tan listos, e porque ao final intúen unha verdade evidente que sabemos os que nunca fomos afectados por PISA e nos atrevemos a escribila: que comparar Galicia con Singapur é un insulto á intelixencia.

Por moito que nolo diga a OCDE e por moito que o escriba nun informe unha empresa privada pagada por un gran medio de comunicación moi consumido nos países que saen mellor parados. Mira ti.