Figuracións de Nadal

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa andan os Papá Noel pendurados nos balcóns e nas fiestras das casas. Non sei de onde vén a idea, supoño que da mercadotecnia anglosaxona, pero a min non me gusta nada. Semellan suicidas. Xa sei que a representación é outra: a figura do vello Santa Claus aganchando pola parede para lle traer os regalos aos cativos. Dado que foron desaparecendo as chimeneas e non podemos imaxinalo baixando polo buraco da fumeira, non queda outra que poñelo a escalar polas fachadas. Pero non o acabo de ver, sinceramente. Se cadra a causa da depresión e da crise, máis semellan o que escribín antes. Veño do verán de Sâo Paulo e alí, curiosamente, mandan os Reis Magos, os beléns da nosa infancia. Non digo que o Papá Noel non apareza, igual que a Coca Cola, ocupando espazos cada vez con máis forza. Pero na Avenida Paulista, da que falei na marea da pasada semana, a gran arteria das finanzas, os establecementos comerciais, os shopings, as oficinas dos bancos adornan as súas entradas principais coas figuras do nacemento e os tres monarcas de Oriente, que aparecen cubertos de folerpas de algodón, pintando a neve, contraste pintureiro na paisaxe e nas temperaturas dominantes. Son as tradicións. Nos grabados do século XVIII que se poden contemplar na exposición Brasiliana, instalada con carácter permanente no edificio do Itaú Cultural, da que por certo paga a pena que falemos noutra oportunidade, aparecen os grandes señores do primeiro café representando o nacemento de Xesùs rodeados de palmas e de cocoteiros, e os Reis Magos todos son negros, os tres.

Seica era costume que as ofrendas da adoración fosen presentadas por escravos africanos, igual que en Salvador de Baía. O do Papá Noel é relativamente recente, polo menos na nosa xeración. Apareceu o personaxe na Pontevedra da miña infancia contra os primeiros anos 60, case que á par dos televisores. Os nenos agardabamos polos regalos dos Magos ata o 6 de xaneiro. Só uns poucos escollidos, curiosamente as familias máis asentadas, recibían a visita do vello Santa Claus na Noiteboa, o que lles permitía dispoñer dos regalos durante máis tempo. A sociedade de consumo e o progresivo crecemento das economías familiares fixo o resto. Aceptemos as novas incorporacións. Pero o dos colgarellos nas fiestras, esas pobres criaturiñas abandonadas á ventimperie, non o acabo de ver.

Na Galicia da montaña temos o Pandigueiro ou Apalpador: o vello dos carbóns que na noite do 24 ou do 31 vén polas casas apalpándolle a barriga aos nenos e ás nenas, e deixándolles unha presa de castañas: maias ou pilongas, que son as que se conservan neste tempo, secas ou afumadas. Hai un estupendo debuxo de Leandro Lamas no que se representa o Apalpador da montaña, roxo de barbas e fumando en pipa, simpático e mangallón, co que os rapaces e as rapaciñas poden empezar a se referenciar no país, non só nas terras dos Ancares e Trives, coma unha tradición de noso.

É bonito que teñamos aíinda un sitio no mundo para estas cousas. Non vaia ser que acabemos todos celebrando o dia de Accion de Gracias.