A imaxe do fisco

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Oasunto dos dereitos de imaxe de Cristiano Ronaldo e o xeito de declarar por eles está traendo de novo á actualidade as posibles canles e calexas que existen no fisco. Non é o primeiro caso, nin moito menos, por iso comeza a parecer unha práctica habitual isto de ter dúbidas á hora de tributar.

Como cidadá corrente que son, iso de evadir impostos antóllaseme complicadísimo. Se, poñamos por caso, me confundo ao facer unha factura, e poño unha porcentaxe de IRPF errónea, porque estas van mudando co tempo, recibo na casa unha citación e aviso de posible multa que son incapaz de descifrar. Só distingo os miles de euros que me poden caer de castigo. Logo de asesorarme e consultar, descubro que, en lugar do 21 % do IRPF, eu tiña posto o 18 %. A diferenza non alcanza os quince euros, pero a proposta de castigo é elevadísima.

Asómbrame, daquela, que se poida declarar só un 4 % dos dereitos de imaxe cobrados e que Facenda se decate moitos anos despois e porque os medios de comunicación indagaron. No caso dos xogadores de fútbol eses dereitos valen moreas de millóns.

Algunha eiva ten que ter o programa informático se salta coa fraude de 12 euros e non con máis de doce millóns. Axuda que os xogadores de fútbol poidan estar adscritos a leis especiais e que aos equipos se lles consintan débedas desorbitadas sen que nada pase.

Non teño xestores. Podo errar no tipo de IRPF, e xa Facenda me ameaza con ir ao peto. Porén, se os tivese, podería encher o erro de ceros á dereita, que pasaría inadvertido.