O mapa escolar

Celso Currás
Celso Currás A DOS BANDAS: EDUCACIÓN

OPINIÓN

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O preocupante descenso da natalidade e os constantes movementos da poboación do rural cara as vilas ou cidades e do interior á costa, deixaron o mapa escolar de Galicia totalmente obsoleto. A súa revisión é urxente, sobre todo para unha racionalización dos recursos públicos dedicados á educación.

Dúas veces se modificou este mapa na segunda metade do próximo pasado século, coa aplicación das únicas leis estatais que reformaron a fondo a estrutura do sistema educativo. A Lei Xeral de Educación, de 1970, que creaba a EXB de oito anos de duración, e ao amparo da que se construíron, en dúas décadas, a maior parte dos actuais colexios de ámbito comarcal ou local. Vinte anos despois, no 1990, a LOXSE regulaba unha nova organización, vixente hoxe, que aumentou en dous anos a idade de escolarización obrigatoria, dando orixe á ESO. A consecuencia máis problemática foi que os cursos 7.º e 8.º de EXB pasaban a ser 1.º e 2.º da ESO, pero xa non podían ser impartidos en centros de primaria.

Imposible esquecer aquel lustro final do século XX, no que unha morea de alcaldes do rural lideraban as protestas dos seus concellos para esixir a construción de institutos ou, como mal menor, impedir que eses alumnos, de 12 e 13 anos, tivesen que saír do municipio para rematar o ensino obrigatorio. Entre as principais achegas para buscar unha solución ao conflito, creouse a figura do centro público integrado (CPI), no que se escolarizan alumnos desde educación infantil á ESO. Os case setenta que se puxeron en funcionamento facilitaron a adaptación da LOXSE ás especiais características da nosa comunidade.

Pero xa pasaron vinte anos e a composición de moitos centros de secundaria e tamén de primaria ten que ser revisada, chegando mesmo á supresión dos que sobran. Por suposto que se debe camiñar a unha redución de alumnos por aula e a manter escoliñas cando queden lonxe dos colexios. Non obstante, o que non debe haber, como ocorre en bastantes concellos, son varios centros das mesmas etapas educativas, moi próximos e coas aulas medio baleiras. Tampouco ten sentido unha oferta repetitiva de ensinanzas posobrigatorias na mesma localidade ou contiguas, habendo insuficientes prazas para especialidades de máxima demanda.

Son moitos os millóns de euros que se aforrarían cunha racional revisión do mapa escolar, tanto en profesorado como en servizos complementarios. Con estes cartos poderíanse cubrir necesidades, agravadas pola situación económica actual. Por exemplo, mellorar edificios obsoletos, que son a maioría, rematar os equipamentos tecnolóxicos dos centros ou garantir unha plena gratuidade do ensino básico. Sabemos que unha reforma deste calado ten un importante custo de conflitividade social e desgaste político. Precisamente por iso debe acometerse en momentos coma o actual, con maioría absoluta e eleccións moi distantes.