Deberes


Ocórrenseme media ducia de cuestións relacionadas co ensino que merecen un debate antes ca esta cousa dos deberes. Hai moito trauma por aquí. Moito agobio snob, tamén, e moita sobreestimación do tempo libre na infancia. Que non digo que o desexable non sexa unha planificación xermánica, obvio, pero déixenme falar claro: ¿realmente cren os ideólogos antideberes que un docente con 25 alumnos por aula, entre os que hai necesidades especiais e casos de integración, cun certo traballo administrativo engadido, e coa permanente necesidade de preparación de materiais, pode prescindir da asignación de tarefas a estudantes (e a pais e nais) para garantir a adquisición das competencias? As familias, por certo, tamén educan.

Señor conselleiro, que non mo dispersen; deberes son os seus, a saber: a contratación de persoal de apoio, o investimento en formación do profesorado, a redución da ratio, a racionalización dos horarios escolares. E, sobre todo, a implementación de medidas para que nais e pais poidamos ter unha vida na que, tras unha eternidade laboral, educar non sexa unha tortura.

Será que son unha antiga, pero prefiro os deberes a marear a perdiz en actividades improdutivas que nacen da estupidez de comparar os rapaces con esponxas, parvada moi estendida na ágora maternal que son as portas das escolas, mais que nunca oín nun claustro. Pensen os proxenitores-choferes de esponxas con forma de patinadores, futbolistas e karatekas que non volveron coller uns patíns, un balón ou un kimono, a de estrés que aforrarían se os nenos só merendasen, fixesen os deberes e desen un paseo, ou lesen, ou xogasen á pelota no parque, ou non fixesen nada se non dá tempo. A nada está infravalorada, pero é moi sa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos

Deberes