Homenaxe a un político

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

16 nov 2016 . Actualizado a las 17:10 h.

Non hai política democrática sen políticos. As ditaduras non precisan políticos, só gobernantes, nin sequera precisan que os seus gobernantes sexan honestos porque non se fundan en valores como a honestidade. Ao baseárense na forza, os réximes autoritarios son fomentadores da corrupción e demandantes de corruptos. En tempos de auxe do autoritarismo, nesta época de corrupción desvendada pola crise pero arraigada no pasado ditatorial e mal atallada polo sistema foi noticia a homenaxe a un político. Unha novidade positiva cando estamos necesitados de bos modelos. A política está hoxe necesitada de referentes, de modelos a imitar. A democracia non pode desenvolverse sen eles. Galicia por fortuna ten algúns referentes positivos, transversais e nacionais. Camilo Nogueira é un deles. Nas homenaxes a xente está para dicir cousas bonitas pero no que este vigués recibiu estoutro día dixéronse unha cantas que merece a pena lembrar: un dos bos e xenerosos, leva na fronte o H de honesto, guerrilleiro da paz, galego construtor de escaleiras, de acordos, da autonomía, galego universal, europeísta convencido, galeguista insubornable, coherente, honrado, traballador teimudo, feminista. Ana Gandón definiuno como educador de demócratas por aprenderlles que a democracia era un fin en si mesmo. Nada doado para a xeración que afrontaba en 1977 as primeiras eleccións da súa vida.

Algúns sempre pensaron que Galicia ía por detrás de Camilo e por iso a súa proposta cerebral e democrática non era ben entendida. En realidade el traía a herdanza da República da casa de Lavadores, da democracia interrompida polo golpe e agochada pola matanza que o fixo triunfar. O seu pai tardou semanas en ir inscribilo ao xulgado aquel novembro de 1936 en que o medo era libre e roldaba ao escultor galeguista e agrarista. Camilo non é unha excepción nin un produto de laboratorio, senón a expresión dunha Galicia que existe, que ten longo arraigo e que amosa as súas capacidades. Foi a primeira persoa á quen escoitei falar de Inditex.

Como deputado e eurodeputado encarnou a mellor Galicia que nos gusta ser. Moitas das súas propostas institucionais materializáronse, aínda que as xestionaran outros: valedor do pobo, lei de normalización, lei de universidades, lei de símbolos... No nacionalismo galego as súas ideas impuxéronse aínda que non as liderara el. Todo grande político lidera pero el tamén aceitou acompañar coa xenerosidade de quen se acredita afouto nas ideas. Camilo é un referente da esquerda galega sen dependencias. Hoxe están en boga os comúns, as novas formas de organización e de participación democrática, vía primarias ou vía redes sociais. A experiencia vital de Camilo e de tantas e tantos coma el demostra que non hai participación colectiva sen deliberación colectiva. Que desa deliberación presencial e persoal nacen empatías, cordialidades e recoñecementos que constrúen futuros comúns. Que mesmo ás veces ese labor ten recompensa social, como é o caso. Que ás veces recoñécese a capacidade e o mérito político dos que constrúen. Por iso a homenaxe a Camilo Nogueira foi partidariamente transversal e transnacional, por iso foi transxeracional e falaron os voceiros dos catro grupos parlamentarios. Non por compromiso, senón por identificación.