Foi unha anécdota e case quedou como tal. Tiña medo que transcendese o feito e se convertese na imaxe do día, no tema central dalgún debate televisivo ou radiofónico, ou en liñas e liñas escritas na prensa. Falouse diso, si, mais o xusto, cousa que agradezo. Por iso me atrevo a comentar algo.
Ana Pontón felicitou ao acabado de investir presidente da Xunta coma os seus compañeiros, cunha aperta de mans. E é correcto, como indica o protocolo. Igual de correcto é que ela decidise dar dous bicos. Así, sen máis, acabouse o tema de conversa. Porque non hai que buscar máis alá.
Cada un pode decidir como saúda. Eu mesma teño o costume de apertar a man de quen me presentan. Tamén dou bicos, certo. Pero son o instinto e o momento concreto os que me fan decidir o comportamento para a ocasión.
Como anécdota, direi que a un dos meus mellores amigos coñecino cun apertón de mans. O xesto non indica absolutamente nada. Nin proximidade nin afastamento, nin afinidade nin rexeitamento. É tan só un saúdo amais dun acto de boa educación. Ana e Alberto ata poden acabar sendo bos amigos!
Se quixeramos facer unha análise igual tiñamos que fixarnos na intensidade desa collida de mans. Moito me molesta cando me dan a man frouxa, coma se lles molestase ter que ofrecerma, con présa por zafarse. Quen sabe! Quen o fai igual nin repara no xesto, ten por costume facelo así. Mais eu prefiro que me dean a man con consistencia, transmitíndome sinceridade. Os bicos están ben, como sentir esa man que te acolle.