En febreiro, Tarradellas estivo con Armada en Lérida e comentoulle a un dirixente nacionalista catalán: «¡Este hombre está lanzado! Me preocupa».
Eufórico atopárano tamén, un mes antes, os xenerais Sáenz de Tejada e Pardo de Santayana, cando os invitou á súa casa de Madrid para darlles dúas noticias: tiña que adiantar a volta a Lérida porque o rei quería velo en Baqueira, e o xeneral Gabeiras ía propoñelo para segundo xefe do Estado Maior.
Despois preguntoulles como estaban de moral as unidades de Madrid e ao responderlle que había crispación pero non pensaban que puidese pasar nada grave, sentiuse molesto e discutiu con Sáenz de Tejada ata o punto de que a reunión rematou coa perplexidade e o desgusto dos visitantes.
Que Armada informaba ao rei cargando as tintas da situación nos cuarteis sabíao Gutiérrez Mellado, que rifou con el cando, xa na subxefatura do Estado Maior, acudiu a visitalo por orde do rei. Pero Armada pensaba que a volta a Madrid supuña tamén a aceptación real da operación Armada, de aí que ao lle preguntar Francisco Medina se o rei contaba con el para presidir un Goberno de salvación, respondeu: «Eso está contestado. El rey quería traerme a Madrid».