Mira aí

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

10 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non teño nada contra as novas tecnoloxías, pero cambiaron o ruído dos bares: instalouse un murmurio de serenata electrónica, pitidos, rumores de guasaps, chiflidos e marimbas de móbil. Digo que os teléfonos intelixentes (smartphones) arruinaron a comunicación e a vehemencia, os debates e altercados dialécticos. Toné, que é un dos homes de maior talento de Verín, artista, facedor de encrucillados complexos, bo conversador e persoa culta, afirma que San Google aniquilou a disparidade de criterio e ve nas súas fauces un eliminador de imaxinacións: o asasino das palabras. É o inicio da destrución de Occidente, asegura. Cando nos bares non se discuta, será mellor írmonos vivir aos confíns da África Austral, díxome hai uns días. Logo preguntoume: A ver, escritor, capital de Lesoto, seis letras. Diante da miña ignorancia, el mesmo respondeu: Maseru. Juan Ramón, o do estanco, puxo cara de non crer nada. Entón Toné, sinalando o móbil última xeración do estanqueiro, dixo: Mira aí. Esa expresión «Mira aí», repítese a miúdo diante de calquera dúbida. Ese foi o motivo polo que Juan Ramón escribiu na funda do seu móbil modernísimo, en maiúsculas, ese sintagma tan repetido. Se non sabes en que data naceu Iniesta, imos a «Mira aí». Se o cambio do euro presenta algunha dúbida, «Mira aí». Se descoñecemos o segundo apelido do ministro Montoro, «Mira aí». Recordamos con nostalxia os tempos felices, cando Toné dicía que os da enciclopedia Larousse petaban na súa porta para consultar ríos ignotos, a produción de volframio en Vilardecervos ou os distintos cantos do xílgaro na época da reprodución. «Mira aí», que posúe todas as respostas e verdades, é o maior inimigo das ilusións. Só queda o silencio.