Reválidas e deberes

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

08 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A escola o primeiro que aprende é a estar sentados, escribiu Kant. Tanto Freud coma Foucault dixeron despois cousas parecidas. Pero tamén dixeron que serve para entender o mundo, imaxinalo e mudalo na medida de cada xeración. Porque as nosas nenas len tan pouca literatura e estudan tanta gramática (idéntica) de varias linguas? Por que as matemáticas seguen sendo un arcano para a maioría? Por que memorizan relatos históricos sobados en vez de indagar nos vestixios do pasado que os rodean? Son preguntas para avanzar.

Por que, en vez de como aproveitar a creatividade dos alumnos ou sobre como mellorar os niveis de profesores e estudantes, discutimos hoxe de reválidas e deberes? Ambas as dúas apuntan a formas de selección e aprendizaxe propias doutra época.

A selección dos mellores por medio dun exame é a translación ao sistema educativo do mecanismo de recrutamento das elites burocráticas do Estado deseñada no século XIX: a oposición foi a vía que permitía escoller aos mellores, superando o privilexio herdado e a compra dos oficios propias da monarquía feudal. Un método moi selectivo porque tiña por obxectivo substituír as vellas elites (señoriais) por outras novas (burguesas).

A idea da educación universal como ben público foi un proceso longo que só se materializa despois de 1945. A práctica pedagóxica desenvolveu nestes séculos múltiples formas de avaliación e selección diferentes ao exame de paso ou reválida: a máis sinxela, a avaliación continua. E que dicir dos deberes memorísticos e repetitivos, cando hoxe temos na man acceso a tanta información que o importante é saber como seleccionar a correcta e como interpretala.

As reválidas no nome, na forma e no fondo retrotráennos ao franquismo. Pero iso non quere dicir moito. A ditadura foi moi longa grazas á súa grande capacidade de adaptación a situacións diferentes. As reválidas que agora a dereita quere recuperar na Lomce estaban de forma case idéntica no Plano de Bacharelato de 1953, cando o ministro Ruiz-Giménez reformou e adaptou o Bacharelato patriótico que fixera Sanz Rodríguez en 1938, para substituír o sistema educativo da República, considerado «semilleiro de grandes males» polos golpistas que en plena guerra querían un novo sistema para o novo Estado. Pero en 1970 o mesmo franquismo adaptativo fixo unha Lei Xeral para atender a fame social de educación e protagonizar politicamente a deselitización da educación superior. Entre 1940 e 1970 os estudantes de bacharelato pasaran de cento cincuenta mil a millón e medio.

Por que estamos a discutir de dúas cousas tan antigas e tan superadas na Educación? Semella outro síntoma dun sistema institucional esgotado, no que a falta de ideas substitúese por ideoloxía vella e señardades de pasados que algúns que fixeron o Bacharelato do 53 pensan mellores: reválida de ingreso, de cuarto e de sexto. Talmente o que os revolucionarios liberais chamaron reacción fronte aos cambios. Reacción do novo que se foi facendo vello pero tamén de elites que queren distinguirse mellor do que están. Incluída unha Igrexa que en España abandonou hai tempo os aires do Vaticano II. Un alento elitista neoaristocrático obríganos a perder hoxe o tempo discutindo de reválidas e deberes.