Nin maneiras nin razóns

OPINIÓN

07 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha cousa é que en democracia sexa posible defender calquera opinión, porque a diferenza de criterios é consubstancial a ela, e outra é que esa liberdade se empregue como arma para a alburgada, para a descualificación ou para a aldraxe. Maiormente coa finalidade, ben antidemocrática, de afundir ao contrario.

E aínda máis: escribir editoriais moi alporizados para negar o evidente, aquí e en calquera parte, como é a presión e capacidade de certos poderes ben coñecidos para crear e impoñer criterios conforme aos seus intereses e lonxe dos do común, supoño que o único que consegue é poñer esa realidade máis de manifesto.

Pero o que xa fai rebordar calquera nivel é que os que así proceden, e para iso botan man de poderosos medios de comunicación, traten de vestir o moneco e teñan o valor de proclamar aos catro ventos que a proliferación da prensa dixital leva a actitudes sectarias, chegando a suxerir sen arrodeos que non é de fiar. O simple enunciado de semellante proposición descualifica a quen o escribiu.

E máis se vén dun medio que se significou polas descualificacións, e mesmo aldraxes, así subliñados por moitos outros medios como máis ben propios de prensa amarela, a Pedro Sánchez, co que, ao mellor, se está contribuíndo a facer un mártir, ou un heroe, de quen en realidade non ten madeira para unha cousa nin para outra.

Pois é da máxima gravidade para a boa saúde democrática do país que a información, ou a crítica, sexan substituídas por alburgadas, por reviradas informacións ou pola aldraxe. E polo que se ve, algúns van manterse na mesma liña. Todo o que, ademais, vén ser unha absoluta falta de respecto á sociedade, xa manipulada por demais en todos os seus sectores e recunchos. Unha verdadeira tristura.