Temos un auténtico Goberno! Nada de «en funcións». Agora si. Agora o barco ten capitán, almirante, grumetes... que sei eu! Por ter podemos dicir que temos talante, acordos, votacións democráticas... e xenerosidade. Aitor, préstoche un tractor. Incluso magnanimidade con rima, que para iso temos unha cultura a proba de calquera pregunta.
Si, señor. Somos comprensivos, facemos o mellor para o país, traballamos arreo 315 días mentres non sabemos que vai pasar con nós e, por se fose pouco, destituímos do poder político a canto corrupto ou sombra de delincuencia haxa. Limpeza. Que non se diga.
Que contenta estou porque lograsen conformar un Goberno. Non, non crean que lles levou tempo, non. É que estas cousas non se poden facer ás carreiras. A oposición tivo moito que pactar para chegar a este acordo. Moito. Non ven a cantidade de acordos que fixeron e refixeron e propuxeron e reformaron e... Unha abstención non se dá así como así. Por iso os capitáns locen tanta condecoración.
Aínda me faltan mariñeiros que saiban de onde sopra o vento para adiantarse ás consecuencias, ser precavidos e que o touro non os colla desprevidos. Mariñeiros coñecedores da xeometría e xeografía recortada das nosas costas, que ven os cons baixo a auga e as ondas. Porque os galóns brillan e quedan fermosos, pero as verdadeiras medallas que non se ven son as dos anónimos que salvan vidas neste océano do noso paisiño.