Foi a fin de semana dos derbis. Celta-Dépor por unha banda, si e non á abstención no seo do PSOE pola outra.
Nunca entendín que haxa que manter unha guerra aberta porque si nos partidos de fútbol. A competitividade está ben se é sa, e iso é o que temos que fomentar, máis aínda no deporte.
No PSOE pasou algo semellante. Na xuntanza anterior, o espectáculo foi digno de representar nun circo, pois houbo asistentes que se comportaron máis coma feras salvaxes ca coma persoas civilizadas. Isto, señores, tampouco debera permitirse. Seica algo aprenderon, polo que a busca de acordo do pasado domingo, con votación incluída, foi moito máis lixeira. Polo alto escoitábanse as voces do non, para logo gañar o si sen moita dúbida. Eu penso que é todo unha estratexia. Para non desgustar aos da negativa, fixérona oír ben clariña, pero a única saída era o consentimento. Se non... a que viña obrigar a dimitir ao seu líder? E unha vez feito... era necesario ese enfrontamento entre os dous bandos?
Un pode ter ben definidas e claras as súas opcións, o que non debera ser incompatible con respectar as que son distintas. Sería un exemplo de tolerancia e respecto, o cal engrandecería a posición de cada un.
Son do Celta, e respecto ao Deportivo. Son do si, e entendo o teu non. Ai, que ben irían as cousas así. Pero non. Aquí temos que erguer unha bandeira e pisar as outras.