Exeria


O pasado luns, por iniciativa da Biblioteca Nacional, celebrouse o Día das Mulleres Escritoras. Na sede da devandita institución, na capital de España, houbo referencia especial ás voces femininas na literatura, que non son de agora, malia que os tempos de hoxe empecen a poñer a muller no lugar igualitario que lle corresponde. E citáronse referentes históricos: Teresa de Jesús, sor Juana Ines de la Cruz, por nomear casos sobranceiros no canon literario español, a carón de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán? As letras de Galicia, no século XIX, teñen polo menos estas tres figuras xigantescas, que semellan un milagre da intelixencia, mulleres das que debemos sentírmonos orgullosos.

Xulia Santiso, directora da Casa Museo Pardo Bazán, na rúa Tabernas da Coruña, organizou ese día unha sesión de lecturas de escritoras nosas con moi boa acollida de público. ¡As nosas literatas!, que diría Rosalía. María Xesús Lama, da Universidade de Barcelona, leva tempo traballando nunha ambiciosa biografía da autora de Follas novas que agardamos con moito interese. Mais a quen quixera salientar hoxe, co gallo da acertada conmemoración, é a unha muller que está nas orixes mesmo das literaturas peninsulares: a chamada Exeria, ou Eteria, ou Echeria, que de todas estas maneiras aparece nos textos, de cuxa existencia soubemos por vez primeira a través do monxe Valerio do Bierzo, no século VII, aínda que os seus escritos non apareceron ata 1884, na biblioteca da Confraría de Santa María dei Leici, na cidade de Arezzo, na Toscana.

Os especialistas non só a sitúan na Gallaecia da época, senón que a vencellan mesmo ao priscilianismo, corrente de pensamento cristián que marcou profundamente estes territorios de Occidente e na cal, contra as propostas que logo se impuxeron, seica a muller tiña un papel especialmente activo.

A chamada Exeria, ou Eteria, viviu no século IV e é autora do Itinerarium Egeriae, tamén coñecido como Peregrinatio ad Loca Santa, viaxe aos lugares santos do cristianismo dende a península ibérica a Xerusalén.

A autora escribe o seu relato en latín, por certo que traducido ao galego polo profesor Eduardo López Pereira (Xerais, 1991). Seica a obra foi redactada en Constantinopla, quizais contra os anos 393 ou 396, despois da tal viaxe.

Fáltalle a primeira e a derradeira parte. Pero a descrición dos eremitas do monte Sinaí, o percorrido de Xerusalén a Mesopotamia, a descrición da vida monacal e das liturxias propias da época son documentos de primeira man e de enorme eficacia literaria. Relato sen reviravoltas. Crónica dunha muller certamente excepcional.

Nas conmemoracións das Mulleres Literarias non debe ficar á marxe esta autora, que algúns tiñan por monxa e que seica non era tal, senón simplemente unha muller culta, dona de seu, seguramente próxima ás correntes relixiosas que apuntei máis arriba, coa forte e atractiva personalidade que podemos imaxinar.

María Xosé Queizán é autora dunha novela, Amantia (1984), na que recrea ese mundo e inspírase sen dúbida no personaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

Exeria