O lanzamento de pedras, monte abaixo, podería ser un exercicio idóneo para remediar males do ánimo: estrés, ansiedade, fobias. Tamén o paseo a paso lixeiro, como facía o señor Braulio de Entrimo dende que se xubilara. Camiñar ou lanzar pedras eran os consellos, co fin de sosegarme, que me ofrecía hai anos o meu compadre Vázquez. Agora, pasados os lustros, ve unha pedra e escapa. Incluso ignora e critica todas as actividades físicas que non teñan que ver coa agricultura. No agro, afirma, está o sostén da humanidade. Quen mete as mans na terra non precisa pílulas para durmir nin outras químicas. Comprou varias hectáreas de terra e alí pasa o día. Viño, horta, animais domésticos e sen domesticar, árbores froiteiras e todo o necesario para a autosuficiencia. Sae pouco da casa. E cando eu practiquei a arte do tai?chi ben sei que ría de min ás agachadas e, parolando cos seus cans, proclamaba que o seu compadre se volvera tolo. O do tai?chi quizá o conte noutra columna. Nesta, a primeira do País das Marabillas, estou con Vázquez. Subía os montes de Entrimo, contemplando o proteico Xurés, e tiraba unha pedra pola aba do monte. Acompañaba a caída da roca cun grito liberador para espantar os malos espíritos. Todo foi ben ata que unha mañá de inverno, cando acudía ao monte, encontrou ao señor Braulio. Era habitual topalo polos camiños, alegremente. Aquel día non levaba boa cara. Un brazo vendado e unha coxeira ostensible. Vázquez preguntoulle que lle pasara. O xubilado mirou o ceo e só dixo: O mundo, neno, que está patas arriba. Vázquez insistiu en coñecer a causa do seu mal. Braulio contestou: Non o vas crer, pero caeume unha pedra enriba. Dende aquela, Vázquez decidiu dedicarse só á agricultura.