Os Correa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Os Correa. Dito así, parecen un clan de... narcotraficantes? Non sei. Dixen esta palabra coma outra calquera, seguramente influenciada pola lectura do libro Fariña, de Nacho Carretero, indispensable para coñecer a Galicia dos anos 80, ou polo que vexo nos capítulos da serie Narcos. O tema das lecturas e películas ás veces vai por tempadas.

Pero neste caso o d’Os Correa viña por Francisco Correa. A verdade é que non teño nin idea de que membros forman a súa familia, nin me interesa. Neste sentido só sei da súa existencia, da que moito se está a falar estes días nos medios con motivo do xuízo ao que o están sometendo.

Non serei eu quen valore nada do que fixera ou faga este home, esa tentación está ben arredada de min, pero máis aló de todo o circo que se está montando... hai algo de verdade.

E si, digo circo tamén como podería dicir comedia. Todo, absolutamente todo o que está dicindo, está pactado. Vostedes cren que non? Teriamos que ser moi ilusos para tragarnos o contrario. Sabe perfectamente a quen pode meter no saco e a quen exculpar. Ou como se explican que, aínda admitindo a fraude, estea a facer o mínimo dano ao partido que lle fixo gañar millóns? Ata parece que é a oposición a que sae perdendo!

El ten que liberarse de anos de cadea e iso é o que fai, co consentimento de todos.

A única verdade é a afirmación de que Correas, hai moitos. A el collérono, pero hai máis. E ese é o verdadeiro problema que temos. Se fose el, acabaríase o conto, pero... quedan os outros Correa.