«Blowin' in the Wind»

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando exercía de profesor no ensino medio, alá na década dos oitenta, explicaba aos meus alumnos de lingua e literatura galegas que Martín Codax, Meendiño, Xohán Airas de Santiago, Pero da Ponte e Bernal de Bonaval eran os Bob Dylan da época, os Lluís Llach, Joan Baez, Leonard Cohen, Paco Ibáñez, Víctor Jara, Atahualpa Yupanqui, Pablo Milanés? A min gustábame (e gústame) moito Leonard Cohen. Daquela os meus alumnos empezaban con Sabina. Pois tamén. Música e poesía. A palabra do poeta que circula a través do cantar.

Manuel Portas escribiu unha moi documentada novela na que recrea o tempo e a memoria do xograr medieval Lourenço (século XIII): a vida do cantor que percorre o mundo na compaña do fidalgo cabaleiro Johan García de Guilhade, troveiro coma el, competindo ambos os dous polo público e as audiencias na corte dos señores de Portugal, na corte do rei Afonso X, nos amores de María Balteira, no pazo do señor de Traba en Compostela? Os poetas dos nosos cancioneiros cantaban o amor e tenzoaban entre eles polas razóns da moral, os costumes, o maldicer, a guerra? Percorrían os camiños, petaban nas portas, cobraban polo seu oficio coma a maioría dos mortais, ou non cobraban... As súas figuras andan nos capiteis das catedrais e nas vitelas dos manuscritos.

«Porque no mundo menguou a verdade, punhei un día de a ir buscar?», laiábase Airas Nunes na Compostela da segunda metade daquel século. ¡A verdade! Procurábaa o poeta nos mosteiros entre «os frades regrados», na poderosa orde do Císter, que daquela gobernaba o mundo, en Santiago, na compaña dos peregrinos, e en todas partes daba coa mesma resposta: aquí non está, buscádea noutro sitio.

Os Voces Ceibes puxéronlle música ao cantar medieval nos derradeiros anos da ditadura de Franco. Ás autoridades do réxime non lles gustaba nada. «Non busquedes a verdade eiquí?». ¿Que cantaría hoxe Airas Nunes, abafados que vivimos entre tanta retórica cativa, ruído mediático, confusión, latrocinio e mentiras? Blowin'in the Wind (a resposta está no vento). Quintas Canella gravou a cantiga de Airas Nunes no ano 78.

Vicente Araguas, que era dos Voces Ceibes, traduciu a poesía de Bob Dylan ao galego. Nos derradeiros anos da década dos sesenta nos anos setenta, coa revolta dos estudantes nas rúas de París (tamén en Compostela), coa guerra de Vietnam e os conflitos raciais en Estados Unidos, a música dos cantautores converteuse en bandeira. O poeta Gabriel Celaya espetou aquilo de que «la poesía es un arma cargada de futuro», ao que retrucaba Celso Emilio Ferreiro: «¡Disparemos!». Xosé Antonio Moreno, que xa non está connosco, é autor dunha novela de iniciación na que recrea a vida da mocidade viguesa no anos setenta: Reminiscencias de Bob Dylan. Antonio García Teijeiro publicou no 2007 Petando nas portas de Dylan, libro de poemas pensado para lectores mozos.

A concesión do Nobel ao autor de Blowin' in the Wind sorprendeu a moitos, mais vén reivindicar unha historia antiga e, ao mesmo tempo, nova coma o mundo. O mester da xograría. Escoitade en galego a música de Sés.