Votamos unha vez. A piques estiveron de formar Goberno. Se chegasen a cambiar unha presada de votos... pero non foi posible un acordo. Volvemos votar e o Goberno semellaba estar máis próximo aínda. Pero non deu chegado. Con todo, aseguraban que eles estaban aí. Como se a culpa de que finalmente non acadasen o mando fose dos votantes. Repetíano como ameaza. ¡Estamos aquí!
Moi ben. Pois correcto. Póñanse a traballar. Negocien. Dáme igual como e cando. Non é o meu cometido.
Nada. Non dan feito.
Polo medio, conseguiron a dimisión de Pedro Sánchez e a maioría absoluta de Feijoo. Entón berraron con moita máis forza: ¡Estamos aquí!
E ben. ¿A que agardan agora? Póñanseme a traballar xa. ¿Ou vannos pedir de novo que votemos? ¿Para que? ¿Para asegurar unha e outra vez máis que son moitos e están aquí e que cada vez se manifestan con maior vantaxe? Xa o sei. Canto máis tempo pase, máis debilitada queda a esquerda e máis bloque forman na dereita.
Moi ben. Iso está claro. Daquela, ¿por que seguir mareando a perdiz? ¿Por que non están traballando xa, formando Goberno, chegando a acordos e, en definitiva, gobernando o país?
Seguimos á deriva. Si. Ben sei que a situación tampouco mudou tanto con respecto ao que tiñamos antes, mais a min gustaríame que se lles pagase o soldo por traballar. Cumprir co deber. Xa non pido que se eslomben e deixen a pel. Pero se están aquí, que se note.