Non só os líderes do PSOE apoiaban a Operación Armada. Aínda que Fraga negou os contactos, o seu socio Alfonso Osorio -en Nadal do 79, Fraga, Osorio e Areilza crearan Coalición Democrática- víase co xeneral e varios políticos coñeceron por el o plan en marcha. O tanteo chegou tamén a Ramón Tamames, do PCE, que fixo unhas declaracións favorábeis e Carrillo tivo que saír ao paso dicindo: «Ramón delira». A Operación Armada pasaba pola dimisión de Suárez, ben despois dunha nova moción de censura apoiada polos críticos da UCD, ben polo seu fracaso no inminente congreso do partido. A CEOE axudou economicamente aos críticos para que Suárez non fose reelixido e o xeneral Armada sentiuse tan apoiado que, ao enviar o documento á Zarzuela, mandou copia ao xeneral Miláns del Bosch. Na Zarzuela, Sabino Fernández Campo, secretario da Casa Real, tamén vía factible a Operación Armada e díxollo ao coronel Pardo de Santayana. Despois de asegurarlle que ao rei lle caera a venda dos ollos e xa non confiaba en Suárez, faloulle dun Goberno de concentración presidido por Armada. E como a Santayana lle pareceu ben, concluíu: «Pues mira, eso está hablado e incluso los socialistas están de acuerdo? y se va a hacer».