BNG, En Marea e o intraducible Joyce

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

08 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Publicouse recentemente a primeira tradución íntegra ao español de Finnegans Wake, a obra «intraducible» de James Joyce. Como devoto literario -son un caso perdido-, achegueime a este volume impar. Segue contemplándome cos ollos abertos dende a mesa onde traballo, mesturado con Cela e Valle-Inclán, que estes días de outubro ocupan algunhas das miñas horas. A versión realizouna o arxentino Marcelo Zabaloy e aparece na editorial El Cuenco de Plata. Traducir un libro intraducible parece misión imposible. Foron moitos os que o intentaron. Só Zabaloy, que non é nin tradutor profesional nin docente universitario de literatura, foi quen de acometer a proeza. Porén, nada se entende. Iso conclúo despois de semanas intentando descifrar o indescifrable. O mestre Borges adoitaba dicir que el non lía borradores cando lle preguntaban por Finnegans. Era un modo sabio de explicar o inexplicable.

 

E vou á política, que é a cuestión que me ocupa nesta columna sabatina. Vou a En Marea, unha das miñas querencias intelectuais. Teño pensado e escrito moito ao respecto deste partido, aínda instrumental, pero non consigo dilucidar conclusións que disipen as miñas dúbidas con respecto ao seu futuro. O seu futuro é non ter futuro. E non porque non confíe na solvencia dos seus artífices -de Xulio Ferreiro a Noriega- nin do que é a súa cabeza preponderante -Luís Villares-, senón porque non se pode traducir o intraducible, por moito que nos empeñemos.

De todos os compoñentes ideolóxicos que pululan no partido instrumental, algúns son contraditorios. Diante desa primeira dúbida, que teño expresado en multitude de ocasións, os seus responsables responden cun substantivo que devén en eufemismo: confluencias. Así «conflúen» os nacionalistas galegos cos nacionalistas españois («Soy un patriota español», afirmou Pablo Iglesias). E aquí é onde eu contemplo a contradición principal e que, segundo creo, será insalvable para trazar o porvir desta formación política. O nacionalismo galego de esquerdas está no BNG. E o galeguismo de dereitas, herdeiro dunha tradición histórica facilmente vislumbrable, está no Partido Popular. Esa é a realidade, por moito que uns e outros pretendan disfrazala. Conclúo a miña hipótese: En Marea deixará de existir froito da partición entre Podemos, EU e o nacionalismo. ¿Que resta? Unicamente que os que ven no BNG ao Leviatán reflexionen con rigor e regresen, tácita ou activamente, á casa natural: o Bloque. Porque a maioría dos galegos, coma me sucede a min, non comprenden o que non se pode comprender. Porque é improbable, por non dicir imposible, que as mesturas de En Marea cheguen a porto algún. Porque, en definitiva, o oxímoron permanente é insostible: non se pode ser nacionalista cando máis da metade dos teus deputados non o son. Nin Joyce podería escribir esta novela. En Marea é pasado. O futuro da esquerda e do nacionalismo chámase BNG.