Non me alegro da situación que está vivindo o PSOE. Para nada. Creo que é un partido que tivo unha relevancia sen parangón na evolución da nosa historia e a nosa sociedade. Considero, por iso mesmo, que é unha corrente política absolutamente necesaria. Os equilibrios tratan, precisamente, disto. A voz da clase traballadora necesita unha representación forte e unida. E o partido que levaba o «Obrero» na súa definición convertérase xa nun cúmulo de disputas e leas internas que desvirtuaban este obxectivo principal. Non me alegro de que Pedro Sánchez tivese que dimitir.
Non me alegro porque a situación previa á decisión foi unha continua batalla de intereses persoais. Incomodábame escoitar as declaracións cruzadas dos seus integrantes, incluso dos baróns que un día foron presidentes e agora alzan a voz no momento máis inoportuno. A discreción, en case todos os casos, adoita ser o bo camiño. Neste momento a política de esquerdas necesitaba deixar a un lado as diferenzas e profundar nos puntos comúns.
As voces discordantes fóra e dentro o partido político que é a segunda formación política do país non favoreceron en ningún momento esta corrente. Levo días preocupada porque os seus membros non eran conscientes de que estaban e debilitando o que promulgaban defender. O peor inimigo, tamén na maior parte das ocasións, vive dentro da casa.