Democracia para Europa


Ninguén discute que non son democráticas as institucións europeas. Máis ben operan á marxe da democracia, manéxanas burócratas que ninguén elixiu e dinlle aos Estados democráticos o que teñen que facer, impóñenlle ás veces graves sancións e sinálanlles camiños a seguir, aínda en contra dos programas conforme aos que foron votados de maneira democrática. Por iso nos nosos días xorden aquí e acolá correntes de pensamento que procuran endereitar o rumbo perdido da UE, acabar coa burocracia que ten confinada a democracia e construír unha cultura que dunha vez asimile que o Estado-nación é o pasado, que a el xa non se pode volver, por máis que este se negue a aceptar a política que ten que ser común, aínda non sendo a UE un Estado federal -nin sequera un Estado-. Pexadas as institucións europeas polo poder financeiro, e sendo claro que a este non lle gusta a democracia, a ninguén se lle oculta que loitar contra el é moi difícil. Pero non imposible. Fariamos ben en estar atentos aos movementos, organizacións e iniciativas que agora mesmo andan á procura en toda Europa dun verdadeiro cambio nas ideas e na política común. Un cambio a prol de transparencia, dunha descentralización que dea voz ás institucións dende o local ao nacional, un renacemento democrático das nosas cidades; que a UE sexa, como no inicio se concibiu, unha Europa dos pobos encaixada nun Estado federal que garanta a riqueza da súa diversidade. Se aquel proxecto tan ilusionante e aberto a tantas posibilidades o vemos agora sen folgos, semellante ilusión debemos ter hoxe para volvelo ao ser orixinario. Creamos unhas institucións cando era moi difícil; reformalas agora para que sirvan á súa finalidade, debe ser o máis urxente. O pesimismo é reaccionario.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos

Democracia para Europa