Mentres no Congreso se debate inutilmente o noso futuro político, a vida segue no país.
En Madrid morreu un home de febre hemorráxica Crimea- Congo. Segundo se deduce das primeiras noticias, parece que no hospital ao que acudiu non se decataron de que enfermidade se trataba , a pesar de que o propio paciente informou de que o picara unha carracha, animal que transmite a enfermidade. Todos os síntomas coincidían co que se sabe de tal febre, e en Estremadura hai catro anos houbo un brote, e elaborouse un informe que ao parecer non tivo a difusión debida. A primeira enfermeira que o tratou contaxiouse, pero está fóra de perigo porque, diagnosticada a tempo, aplicáronselle os remedios pertinentes.
Mellor acabou a aventura dun neno de tres anos en Pontevedra. Subiuse a unha estatua nunha praza pública, non era un parque infantil, nin a estatua estaba deseñada para que ninguén subise a ela, pero os nenos sóbense a calquera cousa, e nin a súa nai nin a súa avoa impedíronllo, así que se acomodou entre os brazos da estatua de Valentín Paz Andrade e todos tan contentos, ata que tentou saír e non puido. Nin a nai nin a avoa puideron sacalo de alí. Tiveron que acudir os bombeiros e a policía, que desfixeron o abrazo cortando un brazo a Paz Andrade. Os únicos prexudicados foron un policía cunha ferida leve, e a estatua mutilada, pero iso, xa saben, carece de importancia.