O chicle de McGyver

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o que non acababa de chegarnos a aqueles que non sabiamos a que viña tanta marabilla coa Transición. Aconteceu o que nos parecía impensábel a quen non comprendiamos tanto debate co aborto, o divorcio ou a liberdade, porque sempre a tivemos. De súpeto, tomamos o Parlamento, ante o abraio de opinadores, políticos e daqueles vellos votantes para os que as referencias cultas dos parlamentarios pasaron de Sófocles á nada, e encantáballes que fose así. Pois si, ante os seus fociños, o país quedou nas nosas mans e é inútil resistirse. Só sucedeu. Tomaron os partidos políticos os mesmos que con Willy Fog decidiron ser millonarios apostadores; os que, co exemplo de D’Artacán, se fixeron paladíns contra as inxustizas; e os socorristas xurdidos dos Vixiantes da praia, os que aprenderon amores con Sensación de vivir, os que creron que estudar historia ou filoloxía serviría para ser Indiana Jones, e os que quixeron ser científicos grazas a McGyver.

Señores da Transición, acabouse. Vostedes dábannos merendas de bollicaos e panteiras rosas, pero nós, nos nosos cuartos empapelados con pósters da Super Pop, imaxinabamos en secreto a nosa chegada á Carreira de San Xerome. Levaban anos sen decatarse de que medraramos. Pero un de nós, ese tipo cunha coleta que mesmo nós consideramos demodé e algo plasta, demostrou que este país está dividido entre os que entenden de que vai iso do chicle de McGyver e os que seguen pensando que o colmo da modernidade é El llanero solitario, así, en castelán con acento de Puerto Rico. E non me cabe dúbida de que McGyver e Indiana Jones serían moito mellores presidentes ca o Llanero solitario. Pero é que eu son unha roja modernilla.