A gusto no inferno forestal

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste país no que sempre houbo alguén en cada aldea disposto a delatar mesmo hora e lugar da fecundación en casos escandalizantes de fillos de solteira, e no que o concepto de segredo estira e encolle ao ritmo co que se corren os marcos das leiras, sorprende tanto escándalo cos lumes. Digo eu que se os mesmos que saen por televisión botando as mans á cabeza polo lume se puxesen a delatar incendiarios co mesmo empeño que poñen noutras cuestións de índole moral, o monte non ardía. Ou non ardía tanto. Refírome ao que moitas pensamos e poucos din: entre as nosas tradicións está que o monte nos dea igual ata que o lume non se nos achega á porta da casa. É unha boa metáfora do noso ser túzaro que tan útil foi para outras cousas: o veciño sempre merece algún mal, mesmo se o mal arrasa tamén co noso. É a versión galaica do dano colateral.

Pode ser que haxa algún beneficiario económico dos lumes, é certo. Pero a causa profunda e complexa desta nosa tradición de verán ten máis que ver cos prexudicados. Todo o que ten grandes prexudicados en Galicia é motivo de ledicia para os galegos que, malia todo, axiña correrán a se laiar, con fonda saudade identitaria. E aí estamos agora, gabándonos da nosa terra verde ante emigrantes, turistas e fillos estudados, pero calamos os nomes dos incendiarios. Aínda que se sabe deles en todas as aldeas. Quizais porque, no fondo, ¿quen non lle plantou lume ao monte algunha vez?

Algo de bo tiña que ter o problema demográfico de Galicia. Cando quedemos sen galegos, o monte deixará de arder.