Aprenda Galicia do Valadouro

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar A SÍNDROME G

OPINIÓN

17 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O xornal non sempre trae malas novas. Por iso, cando as trae boas, e ben boas, esa é a nova por excelencia. Hai pouco La Voz de Galicia transmitiunos algo marabilloso por excepcional: unanimidade política a prol do futuro deste noso vello Reino. A milagre aconteceu nun lugar fermosísimo, nun paraíso perdido que pagaría por ver o xa cego, políglota e sabio John Milton. Aconteceu no Valadouro.

Hai un tempo estiven alí, polo mesmo motivo polo que moitos galegos de vila tornamos ao cerne e ao miolo deste Reino: por un funeral. En funerais semellantes é cando os que amamos tornar ver unha Galicia moza, vizosa, fecunda e radiante, axexamos na busca de picariños que herden esta beleza e riqueza que nos legaron os devanceiros. Pero decote volvemos pesarosos á nosa vida vilega, porque apenas oímos sorrisos de nenos, nin ledas voces infantís, nin cantos de anxos. De volta matinamos en como será esta terra de aquí en vinte ou trinta anos, e só maxinamos tolas mandas de xabarís esfameados, debullando entre toxos e silveiras que medran sen reparo cara ao ceo.

No Valadouro -en el Valle del Oro, como me dixo hai moito unha clienta de bufete- deuse a milagre da unanimidade entre tódalas forzas políticas alí representadas. Unanimidade en constatar o que, sendo evidente ata para un cego coma Milton, na meirande parte de Galicia non se quere ollar para mellor calar: como perseveremos na infecundidade, este vello Reino só ha ser reino de vellos denantes do seu colapso final. Das crises económicas sáese por un ou turrado por outros, pero do autoxenocidio por falla de nacementos ata o de agora ninguén saíu.

Segundo o IGE, no pasado ano morreron 48 veciños no Valadouro e só naceron 15 nenos. Noutros termos, por cada neno nacido morreron tres veciños e algo máis. En Galicia morreron 31.403 persoas e naceron 19.346, ou sexa que no 2015 por cada nacido morreron arredor de 1,6 galegos. ¿Teremos que chegar á proporción do Valadouro para acadar esa unanimidade? Esperemos que non, sobre todo porque a mellor mostra de sabedoría é escarmentar en testa allea: se o veciño queima a man ao retirar o ferro do lume, o home sabio collerá un pano mollado para retiralo.

A gran lección do Concello do Valadouro é a súa unanimidade no apoio ás parellas que deciden ser emprendedoras vitais, arriscando polo futuro. A todas as concelleiras e concelleiros afoutos, grazas. Grazas por espertar a un pobo durmido e, sobre todo, grazas por esa lección de vida, que prescinde dos tópicos, dos complexos e dos traumas modernos. Porque podemos non estar conformes coa lei da gravidade, nin coa lei da vida -nacer, medrar, reproducirse e morrer-, pero remexerse contra delas por desvarío adultescente non demostra intelixencia, senón inmaturidade. Que viva O Valadouro e que viva por sempre mozo, vizoso, fecundo e radiante. Que moitos dos nosos concellos aprendan del e que tamén Galicia enteira esperte do seu sono, que máis cá sono xa semella catalepsia.